"Prefiro que me tachen de macarra a ser unha sumisa", di a conselleira Ángeles Vázquez

A Xunta presentará "en próximos días" alegacións ao recurso contra a lei de litoral. A oposición acusa ao Goberno galego de utilizar o Parlamento para "un mitin" contra o Goberno central.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2023 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, informou de que o Goberno galego traballa na preparación das alegacións fronte ao recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central contra a lei galega de litoral, parte dela suspendida polo Tribunal Constitucional (TC). "Imos gañar", afirmou.

Así, Ángeles Vázquez empregou unha comparecencia a petición propia para arremeter contra o Executivo central polo recurso contra esta lei, o cal considera que ten "moito máis de político que de xurídico". Indica que o prazo de presentación de alegacións termina o 20 de decembro, cun período de "menos de tres semanas" para presentalas.

Deste xeito, esixiu ao Goberno que retire este recurso --a Xunta enviou unha carta a Transición Ecolóxica con esta petición-- e chama ao tres grupos parlamentarios a facer unha fronte común para demandar esta cuestión. Espetou á oposición que "acabarán quedando como uns vendidos que se puxeron á beira de Pedro Sánchez e non ao lado dos galegos". Lembra a BNG e PSdeG que non presentaron emendas á totalidade e non votaron en contra da lei. "Ao final non os vai a votar nin deus", chegou a afirmar na súa intervención sobre a oposición.

"PURO MITIN"

Alfonso Rueda e Ángeles Vázquez
Alfonso Rueda e Ángeles Vázquez | Fonte: Xunta

Durante o debate, a deputada Rosana Pérez (BNG) reduciu a "puro mitin, puro propaganda electoral" esta comparecencia de Vázquez "seis meses despois de aprobarse a lei". Pediulle que "deixe de facer campaña" e de seguir "intereses partidistas".

Mentres, Patricia Otero (PSdeG) dixo que "se está faltando moitísimo ao respecto dos deputados da oposición" con expresións como que "non lles vai a votar nin deus", á vez que lle afeou a Vázquez un comportamento "populista e irresponsable".

"PREFIRO QUE ME TACHEN DE MACARRA"

Nas súas quendas de réplica, a conselleira expuxo que emprega unha "lingua coloquial" e fala con "franqueza", xa que emprega "a mesma linguaxe" na Cámara que "na Rúa do Franco". "Prefiro que me tachen de macarra a ser unha sumisa", sentenciou posteriormente.

O propio presidente do Parlamento, Miguel Santalices, pechou este debate cunha declaración na que contou que se tivo que "amarrar" á cadeira para non retirar algunhas expresións de todos os participantes, pero asegurou que non o fixo polo "espírito do Nadal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta