Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2023 | Actualizada ás 17:02
UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, iniciou o desmantelamento das 8 torres de alta tensión e os 1.300 metros da liña aérea Padrón-Tibo no centro urbano de Caldas de Reis, tras finalizar o soterramento do tramo de liña que discorría polo centro do municipio. Está previsto que as obras de desmonte finalicen antes de Nadal.
A compañía investiu un total de 2,2 millóns de euros neste proxecto, que supón a eliminación do tramo aéreo que vai desde a rúa Juan Fuentes, onde se realizaba a conversión a subterráneo, ata a contorna da Lavandeira, en Bemil, e a realización da canalización subterránea de aproximadamente 1.600 metros, pola que discorre agora a liña.
O delegado de UFD en Pontevedra, Francisco Ramos, explicou que "este proxecto supón a eliminación do impacto visual das instalacións eléctricas no centro de Caldas de Reis e permitirá, ademais, que os veciños recuperen a servidume das súas propiedades". Pola súa banda, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, agradeceu a colaboración coa distribuidora e destacou que "o soterramento da liña beneficiará a todos os veciños do centro de Caldas"
UFD e o Concello de Caldas de Reis tamén asinaron un convenio de cesión de uso de dúas parcelas na rúa Juan Fuentes, propiedade da distribuidora eléctrica, duns 2.000 metros cadrados, que se empregarán para uso de aparcadoiro de vehículos lixeiros e turismos. A cesión gratuíta das parcelas será por un período de dez anos, ampliables a outro cinco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.