Galicientífica- Julia Ammerman: "O dereito civil está todo o tempo arredor nosa"

Presentamos a unha científica do máis polifacética: docente, investigadora, pianista e organista.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 13/12/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Cando pensamos en ciencia o primeiro que nos imaxinamos é a Química, Medicina ou Bioloxía, pero claramente non son as únicas. O Dereito é unha ciencia social, que investiga a nosa ‘Galicientífica’ desta entrega: Julia Ammerman, docente e investigadora na facultade de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. “Nos non precisamos do laboratorio como tal para facer un experimento, o noso laboratorio sería a biblioteca e precisamos libros ou bases de datos”, expón. 

Julia Ammerman, docente e investigadora de Dereito
Julia Ammerman, docente e investigadora de Dereito

Actualmente enfócase en dous temas de investigación: aplicar a perspectiva de xénero no Dereito civil e a regulación de determinados grupos de artistas: ‘Art brut’ ou artistas con discapacidade ou enfermidade mental, artistas das rúas e artistas de arte urbana ou do graffiti. “Se cadra esta motivación miña por estudar os grupos de artistas vén de que ando no mundo artístico, por ter estudado Piano e Órgano e sigo tocando cando saco tempo”, comenta a polifacética Julia, que ten moito que contar. 

MULLERES E CIENCIA

Julia, como traballadora e investigadora no ámbito do dereito civil, afirma que no seu campo de coñecemento, o dereito común, non ve desigualdade e destaca a maternidade como punto de inflexión polos tempos. “Eu como axudante doutor teño contrato para seis anos, pero non deixa de ser temporal, dilátase moito a data na que consegues estabilizarte”, explica e engade que chegada a unha idade, as mulleres queren planificar unha vida familiar e ter “certa estabilidade”. A solución pasa por acadar esa estabilidade do proceso de facer tese, fase postdoutoral e conseguir praza. “Cando rematas a tese, non tes previsión e se cadra tes que buscar fóra, é difícil”, lamenta. 

DIVULGACIÓN CIENTÍFICA

Chegan os resultados das investigacións á sociedade? A docente expón que esta é un labor pendente no Dereito. “É un pouco culpa nosa por non amosar á sociedade, o impacto que poden ter estes traballos”, comenta e tamén di que non hai unha persoa contratada especificamente coa función de divulgar. Reivindica que hai que modificar moitas cousas no Código Civil.  “O dereito civil é o dereito, penso eu, con máis influencia nas relacións que facemos diariamente. Estás mercando un café, iso é un contrato, unha herdanza, un contrato de aluguer,... O dereito civil está todo o tempo arredor nosa”, asegura. 

DEREITO PRIVADO E XÉNERO

A nosa ‘Galicientífica’ investiga diferentes áreas, pero en concreto na actualidade, céntrase no dereito privado e xénero. “Aplicar a perspectiva de xénero, concretamente no Dereito civil”, explica. Expón as conclusións dun traballo que publicou en forma de libro baixo o título de ‘As nais soas ante os tribunais, a administración e as leis, perpetúase a discriminación?’. “Comeceino no 2017 cando nun verán lin dúas sentenzas do Tribunal Constitucional, da Sala Civil, que non concedían efectos retroactivos á petición dunha nai de alimentos para o seu fillo, cando se recoñecía a paternidade con posterioridade”. 

Nesta cuestión, unha nai ten un fillo e o pai non o recoñece. Co paso dos anos, ela ao fin decide demandar e pedir que pague os alimentos e coidados que debe por ser o pai. “Temos un artigo no Código Civil, o 148, que di que os alimentos só se devindicarán no momento de interposición da demanda”, afirma Julia e engade que este mesmo artigo se atopa no Código Civil italiano. Nese país, os tribunais interpretan que aínda que a petición se faga dous anos despois de ter nacido o neno, eses alimentos poden solicitarse de maneira retroactiva. “Que pague a metade correspondente do coidado, alimentación e educación do bebé deses dous anos que non pagou”, sentenza. 

Pero Julia neste traballo deu coa diferenza entre Italia e España neste sentido. “Aquí non se poden pedir de maneira retroactiva porque no Código Civil se establece que nada impide a nai que o solicite con anterioridade”, di e replica “con anterioridade, cando?”. Fai referencia a que segundo iso o correcto sería durante o nacemento, no momento do parto, en “vulnerabilidade total”. No libro propón que se recoñezan eses coidados, pero cun límite. “A visión que se dá da maternidade desde a sala do Civil, que é a que ten que interpretar estas cuestións, non é sensata ou coherente coa sociedade e falta de perspectiva feminina”, conclúe. 

A LIBERDADE DE INVESTIGAR

Tiñas claro que querías facer investigación? “Cando comecei a carreira non me atraía moito a avogacía polo mítico de defender a alguén co que non estaba de acordo, algo que cambiou co estudo e entender que todo o mundo ten dereito á defensa”, conta. “Sempre me tirou máis ensinar a outros e investigar, avanzar, comparar ordenamentos xurídicos…”. A súa primeira motivación era quedarse na USC e facer a tese coas súas admiradas mestras Mari Paz e Marta, “son as mellores e quería aprender con e delas”. 

Cando rematou a tese non puido quedar en Santiago e estivo en Oporto. “Nisto hai que ter paciencia e resiliencia porque a investigación é bonita, pero na maioría de días, desacougante”, cóntanos e lamenta ter tantas xestións burocráticas e a falta de apoio administrativo. Porén, entre as vantaxes da investigación destaca a liberdade de indagar sobre temas de interese propios, a organización persoal do tempo, a flexibilidade e a creatividade. “A investigación pode ser todo, menos aburrida”. 

Compensa economicamente? Ante esta pregunta responde que é complicado cos soldos que teñen. “Non pido un soldo incrible, só que sexa como o dos profesores de instituto”, demanda xa que considera que os postos de docentes universitarios non están ben retribuídos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta