Veciños de Dodro concéntranse ás portas dun centro de saúde que atende a case 2.700 persoas cun único médico

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 11/12/2023 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

A falta de facultativos no Servizo Galego de Saúde (Sergas) segue a ser unha problemática que afecta cada día a máis pequenos municipios galegos, especialmente en zonas do rural. Se fai unhas semanas se falaba dos centros da mariña lucense, a última nova ao respecto vén dende o centro de saúde de Dodro, onde este mesmo luns os veciños protestaban por non ter cuberto o posto de médico do piso superior do centro, o que provoca que se estean a dar citas para o próximo día 15, é dicir, para o venres, xa dende a pasada semana.

Veciños de Dodro protestan ante o centro de saúde
Veciños de Dodro protestan ante o centro de saúde | Fonte: BNG de Dodro

Os veciños portaron carteis durante a protesta que tamén están pegados no exterior do propio centro dende fai semanas, pois denuncian que un só médico non dá atendido ben a todo o municipio (formado por case 2.700 habitantes), tal e como lle comentaban á saída do ambulatorio ao portavoz do BNG de Dodro, Xoán Bautista Mariño. O representante do BNG dixo que o seu partido quere o mesmo que a poboación do pobo: "menos propaganda e máis atención". "Sabemos que estanse presentando queixas e animamos a seguir cubrindo reclamacións ata que se solucione o problema de recortes que instalou o PP desde a Xunta e que agora se sinte, aínda máis directamente, dende o centro de saúde de Dodro", animou.

As persoas que este luns se achegaron ata o ambulatorio para protestar agradeceron a iniciativa nacionalista e coincidiron en que hai que protestar cursando máis reclamacións para evitar a falta de personal nun servizo primordial como é a sanidade pública. Por iso, aseguran que continuarán coas mobilizacións que xa iniciaron hai tres semanas durante os próximos días, ao ver que o Sergas non cubre a tempo completo a praza vacante. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta