Entrega do Premio José Couso de Liberdade de Prensa ás xornalistas iranianas Hamedi e Mohammadi

Trátase de dúas xornalistas ás que non se lles puido comunicar o fallo do xurado. Non puideron asistir a recoller este premio por ter prohibido saír do seu país e mesmo contactar con organizacións do exterior.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 03/05/2024 | Actualizada ás 20:58

Comparte esta noticia

O acto de entrega do X Premio José Couso de Liberdade de Prensa serviu para reivindicar ás xornalistas iranianas galardoadas nesta edición Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, que non puideron asistir a recoller este premio por ter prohibido saír do seu país e mesmo contactar con organizacións do exterior. No evento, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, lembrou a figura do cámara ferrolán José Couso, do que dixo que "pagou coa súa vida o desempeño da súa profesión" e fixo referencia aos asasinatos rexistrados por Reporteros Sin Fronteras nos conflitos armados que se están producindo na actualidade.

Iso serviulle ao rexedor para defender a liberdade de prensa e o dereito da cidadanía a estar informados, premisas que "están a ser ameazadas polos últimos acontecementos sucedidos no noso país e tamén máis aló das nosas fronteiras". "É de vital importancia contar cunha prensa libre, plural e independente pola que agora, máis que nunca, debemos loitar", detallou.

Rey Varela pronunciouse deste xeito na tarde deste venres no teatro Jofre de Ferrol, que acolleu a entrega do 20º Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, en recordo ao cámara ferrolán falecido hai 21 anos cando se atopaba no Hotel Palestina, na cidade irakí de Bagdad, cubrindo para a cadea Telecinco a guerra entre Iraq e Estados Unidos, e que foi vítima do lume realizado polo exercito norteamericano.

Este eveto realizouse este 3 de maio por celebrarse o Día Internacional de Liberdade de Prensa. O galardón recaeu este ano, tras a votación dos colexiados de Colexio de Xornalistas e dos socios do Club de Prensa de Ferrol, nas xornalistas iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, que non puideron asistir a recoller este premio, por ter prohibido saír do seu país e mesmo contactar con organizacións do exterior. Ambas foron detidas e condenadas en 2022 a 13 e 12 anos de prisión, respectivamente. Despois de cumprir 15 meses de condena e tras numerosas protestas, o pasado mes de xaneiro quedaron en liberdade vixiada coa prohibición de exercer a profesión.

DE MANEIRA SIMBÓLICA

Desta maneira, o premio foi recollido de maneira simbólica por Alfonso Bauluz, de Reporteros Sin Fronteras, e Maribel Tellado, de Amnistía Internacional, que participaron previamente nun coloquio celebrado neste mesmo auditorio e moderado pola xornalista Verónica Vázquez Cabeza; mentres que outra xornalista, Ada Romeu, encargouse de presentar ese acto de entrega de premios. Previamente, realizouse unha ofrenda ante a estatua 'As Ceibes', do escultor Manuel Patinha, no Cantón de Molíns, así como a lectura dun manifesto elaborado e pronunciado pola xornalista Marta Otero, ademais dunha recepción por parte do alcalde e integrantes da corporación municipal.

A entrega do Premio José Couso de Liberdade de Prensa reivindica ás xornalistas galardoadas Hamedi e Mohammadi
A entrega do Premio José Couso de Liberdade de Prensa reivindica ás xornalistas galardoadas Hamedi e Mohammadi | Fonte: CPXG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta