O programa Atempo mellorará a resposta ante emerxencias transfronteirizas con ferramentas de IA

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou este mércores no evento de presentación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2023 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou este mércores en clausúraa do evento de presentación do programa Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias (Atempo), que mellora a resposta ante emerxencias transfronteirizas con ferramentas de Intelixencia Artificial.

Atempo é unha das 80 iniciativas beneficiarias da terceira convocatoria das axudas do Programa Operativo Interreg V-A España Portugal (POCTEP) para o período 2021-2027. Na súa intervención, Villanueva puxo en valor a importancia da cooperación transfronteiriza en materia de emerxencias para mellorar a eficacia na xestión das incidencias naturais a ambos os dous lados da 'raia', como incendios forestais ou inundacións.

De feito, o programa Atempo pretende non só reducir os tempos de resposta ante unha emerxencia en zonas de fronteira, senón anticiparse e previr as catástrofes relacionadas co cambio climático mediante o fomento da innovación con ferramentas como a intelixencia artificial ou os mapas de isocronas. Tal e como destacou Santiago Villanueva, "o cambio climático é unha realidade á que se lle debe dar resposta cos mellores medios materiais e tecnolóxicos". Nesta liña, incidiu en que a seguridade transfronteiriza "pasou de ser unha prioridade a unha misión compartida e ten que deixar de ser unha aspiración para converterse nunha certeza".

Nunha intervención anterior, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, deu a coñecer os obxectivos e actividades deste proxecto. A Axega é precisamente un dos socios e achega 2 millóns de euros do investimento total de 4,8 millóns que suporá o desenvolvemento de Atempo ata 2025. A contía restante corresponde ás achegas das outras entidades participantes. Prevese que o proxecto Atempo teña un impacto directo en 570.000 habitantes da área transfronteiriza, aínda que determinadas accións poden ter efectos nunha poboación de máis de 9 millóns de persoas.

O programa contempla actuacións como o deseño de ferramentas de prevención co uso da intelixencia artificial, a formación conxunta de 450 efectivos e a posta en marcha dun marco común de certificación de habilitación para a xestión de emerxencias entre España e Portugal, así como o investimento de 2,3 millóns de euros en equipamentos e vehículos, dos que a Xunta achegará 1,6 millóns; e a mellora da concienciación da poboación para facer fronte a catástrofes derivadas do cambio climático na zona de cooperación.

Pasada reunión de Santiago Villanueva e Manuel Rodríguez con delegados territoriais da Xunta para abordar a coordinación de incendios. XUNTA
Pasada reunión de Santiago Villanueva e Manuel Rodríguez con delegados territoriais da Xunta para abordar a coordinación de incendios. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta