Dimisións na dirección de Podemos Galicia tras decidir este partido romper con Sumar

Gloria Alonso dimite como Secretaría de Organización da formación morada e dase de baixa deste partido en medio das tensións con Sumar.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/12/2023 | Actualizada ás 09:57

Comparte esta noticia

A decisión de Podemos de romper a súa alianza con Sumar e ir ao grupo Mixto no Congreso está tendo importantes consecuencias para a formación morada. Nos últimos días anunciaron a súa dimisión destacados dirixentes, entre eles, o candidato de Podemos en Madrid, Roberto Sotomayor, ou os 13 dirixentes de Podemos en Catalunya que apoiaron nun manifesto a confluencia con Sumar.

Gloria Alonso, á esquerda, na presentación da candidata de Podemos ás eleccións locais en Tomiño, Valentina Valderrey
Gloria Alonso, á esquerda, na presentación da candidata de Podemos ás eleccións locais en Tomiño, Valentina Valderrey | Fonte: Podemos

E as dimisións tamén chegaron á dirección de Podemos en Galicia. Dous meses despois de ser noemada, Gloria Alonso, dimitiu como Secretaria de Organización e cursou baixa coma inscrita de Podemos. A Secretaría de Organización pasa a ser ocupada pola ferrolá Susana López, anterior Secretaria de Finanzas.

Precisamente, o pasado outubro, e antes da crise con Sumar, Podemos Galicia aprobaba a súa "folla de ruta" para as próximas eleccións autonómicas na que apostaban claramente por  unha "coalición unitaria das forzas galegas" en referencia a Sumar e a Esquerda Unida. Tamén acordaban novos nomeamentos na dirección da formación morada en Galicia, entre eles, o de Gloria Alonso, que fora secretaria de Acción Sindical.

A marcha de Alonso prodúcese, ademais, cando hai unha forte tensión dentro de Sumar Galicia provocada pola decisión de Ione Belarra de marchar ao Grupo Mixto en Madrid o que complicou as negociacións en Galicia para que Podemos poida participar nunha coalición electoral con Sumar. Algúns dos inscritos e afiliados da formación morada xa anunciaron que participan na coordinadora de Sumar Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta