Xa podes votar as seis Palabras do Ano 2023, entre elas, "feitiña" ou "cibercarracho"

Entre as propostas da RAG tamen están "biodiversidade, cooficialidade, dereitos humanos e educación emocional".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/12/2023 | Actualizada ás 10:10

Comparte esta noticia

Biodiversidade, cibercarracho, -a, cooficialidade, dereitos humanos, educación emocional e feitiño, -a. Estas son as seis voces que optan a se converter na Palabra do Ano 2023. A partir de hoxe e ata as 23:59 horas do luns 25 de decembro, todo o público poderá votar pola súa opción favorita a través do Portal das Palabras, a páxina web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Todas as finalistas están relacionadas con preocupacións sociais en aumento ou acontecementos que deixaron unha fonda pegada na cidadanía por diversos motivos, e que se reflectiron de maneira reiterada na primeira fase da campaña, centrada na recolla das propostas da cidadanía.

Aberta a campaña para elixir palabra do ano en galego. RAG
Aberta a campaña para elixir palabra do ano en galego. RAG

A preocupación polo impacto da acción humana sobre o medio natural é unha constante que se plasma no proceso de elección da Palabra do Ano, e desta volta entre as palabras finalistas figura biodiversidade, substantivo que se refire á diversidade de especies vexetais e animais dun ecosistema. 

A dixitalización da sociedade é un proceso cheo de oportunidades, pero tamén de ameazas como o incremento da ciberdelincuencia, un fenómeno que nos últimos doce meses afectou a moitos particulares e mais pequenas e grandes organizacións do país e de todo o mundo. Á persoa que comete un delito por medio das tecnoloxías da información e a comunicación chámaselle ciberdelincuente, segundo recolle o Dicionario, pero tamén está a ter certo predicamento o termo cibercarracho, -a. Este neoloxismo de carácter coloquial permite, dende o atractivo do humor, chamar a atención sobre a necesidade de adoptar medidas de protección ante os ciberataques. 

DEREITOS HUMANOS OU EDUCACIÓN EMOCIONAL

Outra finalista é cooficialidade, palabra que designa aquilo que é oficial canda outra realidade, e que no noso contexto aplicamos ao conxunto de linguas que comparten oficialidade. Tamén neste 2023 celébranse os 75 anos da Carta Universal dos Dereitos Humanos. A campaña da Palabra do Ano rexistrou moreas de voces propostas que constitúen unha chamada á defensa do contido deste texto fundamental que está a ser vulnerado de maneira indiscriminada nos últimos conflitos bélicos que conmocionan a comunidade internacional, entre eles, dereitos humanos.

O sintagma nominal educación emocional apareceu entre as propostas canda outras que teñen en común referirse á saúde mental da poboación en xeral e da infancia e a mocidade en particular. 

A fase de suxestións deixou ademais diversas voces que agradecen a existencia da xente que coa súa maneira de ser fai mellor a vida de quen as rodea e da súa comunidade. De entre todos eles, o elixido como finalista é feitiño, -a, voz tradicional do galego de uso moi estendido que, fronte a formas que poderían chamarse pseudogalegas como riquiño, -a, tamén se refire dende o léxico patrimonial a aquela persoa da que queremos destacar as súas virtudes morais e / ou físicas. 

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié animan a todo o público a participar votar pola súa finalista favorita a través do Portal das Palabras. Nas edicións anteriores a votación popular proclamou como Palabra do Ano comadre (2022), tanxugueiras (2021),  nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta