Sindicatos contrarios ao pacto de cocientes péchanse de novo en San Caetano

Membros de CIG, STEG e CSIF esperan fronte ao despacho de Román Rodríguez, na sede central da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/12/2023 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

Representantes do tres sindicatos contrarios ao pacto de redución de cocientes e horarios nos colexios e institutos (CIG, STEG e CSIF) volvéronse a encerrar este xoves nas dependencias da Xunta en San Caetano, en Santiago, para pedir ao conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que lles reciba.

Trátase do segundo día consecutivo desta acción que xa emprenderon o mércores, pero o conselleiro atopábase en Madrid para participar na Conferencia Sectorial de Educación. Este xoves, os sindicatos aproveitaron que Rodríguez se atopa en San Caetano, con motivo da reunión semanal do Consello da Xunta, para situarse diante do seu despacho, onde esperarán ata ter unha resposta.

A CIG-Ensino, principal sindicato da educación pública galega, xunto con STEG e CSIF promove varias accións reivindicativas --entre elas, dúas xornadas de folga en outubro e novembro-- en contra do acordo que si asinaron outro tres organizacións presentes na mesa sectorial (CCOO, ANPE e UXT) coa redución paulatina do número de alumnos por aula e do horario lectivo para a partir do curso 2024/25, entre outras medidas. Con todo, CIG, STEG e CSIF ven insuficiente o pacto e solicitan a "recuperación de dereitos laborais". A este respecto, advirten que "non cesarán ata que o conselleiro cambie a súa actitude e sente a dialogar".

"O conselleiro de Educación ten dúas opcións: rectificar e sentar coa voz maioritaria do profesorado galego ou negar a súa propia capacidade como interlocutor no maior conflito aberto nos últimos anos", explica o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello. Os representantes sindicais esperan non ser desaloxados pola Policía Nacional, tal e como ocorreu o mércores: "As dependencias da Xunta son de toda a cidadanía, non son propiedade privada do conselleiro de Educación e do partido que goberna".

"DIÁLOGO CONSTANTE E PERMANENTE" COS SINDICATOS

Pola súa banda, a Consellería, consultada por Europa Press o mércores, coincidindo coa primeira destas accións, reivindica o seu "diálogo constante e permanente" coas organizacións sindicais e pon de exemplo o "acordo histórico" alcanzado para os cocientes e os horarios. "A vontade de diálogo permanente é tal que esta mesma semana responsables da CIG-Ensino foron recibido por responsables da Dirección Xeral de Recursos Humanos", detallou o Executivo autonómico.

A continuación, lembrou que, tras o acordo do convenio, "xa houbo" outra reunión da mesa sectorial docente non universitaria, onde está representada a CIG. "E nesta liña seguiremos traballando, con novas convocatorias da mesa sectorial en próximas datas", concluíu a Xunta.

Representantes de CIG-Ensino, STEG e CSIF vólvense a encerrar na Consellería de Educación.. CIG
Representantes de CIG-Ensino, STEG e CSIF vólvense a encerrar na Consellería de Educación.. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta