Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2023 | Actualizada ás 14:35
O deputado socialista no Congreso e candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, acusou á Xunta do PP de Alfonso Rueda de ter perdida máis dunha década na construción de vivenda de promoción pública. Besteiro visitou este venres o barrio do Castiñeiriño en Santiago de Compostela, onde "levan catro anos para facer 24 vivendas e onde hoxe hai máis carteis da Xunta que pisos".
O deputado nacional situou este barrio como símbolo das "nulas políticas" de vivenda que aplica o PP e destacou que na capital galega non se construíu unha soa vivenda de promoción pública en 14 anos. Unha situación que asegurou que é similar ao resto das cidades e pobos galegos, e que contrapuxo coa etapa do socialista Emilio Pérez Touriño á fronte da Xunta que "en dous anos fixo máis vivendas de promoción pública que os gobernos de Feijóo e Rueda xuntos".
Ademais, reprochou que, coincidindo coa proximidade das eleccións, Rueda anuncie a construción de dous novos edificios de vivenda pública en Santiago, en total 36 destinadas ao aluguer e recomendoulle que "primeiro termine estas de o Castiñeiriño". "E despois veremos se esas non volven ser un novo anuncio propragandístico", sostivo. Besteiro referiuse tamén á Lei estatal e vivenda, a primeira de toda a democracia aprobada polo Goberno de Pedro Sánchez na anterior lexislatura, como mostra da importancia que os socialistas lle dan ás políticas públicas que afectan directamente á cidadanía.
Neste sentido, destacou que cando chegue á Presidencia da Xunta de Galicia, "garantirá o pleno desenvolvemento desta lei, impulsará a construción de vivenda protexida e buscará incorporar a vivenda baleira ao mercado, á vez que se comprometeu a traballar cos concellos para conseguir prezos de aluguer razoables".
ABORDAR A NECESIDADE DE VIVENDA DESDE TODAS AS PERSPECTIVAS
Precisamente, o deputado nacional lembrou que "Galicia ten o maior parque de vivendas baleiras de España (preto dun 30 % están desocupadas, máis de medio millón)", "e ao tempo son miles de galegos e galegas os que reclaman un lugar no que poder vivir dignamente a un prezo accesible". Besteiro asegurou que nesta década "perdida", e en concreto "en 2022, deixáronse de investir sete de cada dez euros orzados a este fin". Ademais, sostivo que no programa de acceso á vivenda executáronse pouco máis de catro millóns de euros dun total de 52.
Así as cousas, confrontou as políticas dos socialistas coa dos populares: "en dez anos (2012 e 2022) a Xunta de Feijóo e Rueda tivo unha medida de construción de 102 vivendas por ano, mentres que en só (2006 e 2007), con Touriño, fixéronse máis de 7.200 vivendas de promoción pública". "Para poder atender ás necesidades da cidadanía que necesita un fogar necesítase sensibilidade e tamén vontade política que a Xunta de Rueda non demostrou. É necesario que o Goberno autonómico determine dunha vez a definición de vivenda baleira como xa fixeron outras comunidades como Euskadi, para poder polas no mercado", remarcou.
O candidato tamén lle afeou de Rueda que renegue e combata as leis estatais das que despois se aproveita e apostou "pola colaboración interinstitucional como a mellor estratexia para botar adiante os proxectos bos para Galicia". Neste sentido, comprometeuse a dar pulso á Lei estatal de Vivenda e a colaborar cos concellos para baixar os prezos nas áreas que estes consideren tensionadas.
En Galicia, dixo Besteiro, "a inacción e incompetencia de Rueda agravou este problema non só nas grandes cidades e pobos, senón tamén para o colectivo de xente nova e do rural". Xunto ao candidato socialista participaron no acto, ademais de distintos dirixentes do PSOE compostelán, Aitor Rodríguez e Thais Santos, dous mozos de 30 anos que expuxeron que a falta de vivenda na capital e o seu alto prezo impídelles emanciparse e crear o seu propio proxecto vital.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.