A Xunta di ter "serias dúbidas" de que a ampliación de fondos para a rede eléctrica garanta proxectos galegos

"As alegacións terán un sentido, e é que, tal como vimos denunciando, no período 2021-2026 asignóuselle a Galicia un aumento de capacidade instalada do 1,1%, cando territorialmente lle correspondería un 6%", subliñou o Executivo autonómico.

Por E.P. | VIGO | 15/12/2023 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

A conselleria de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, trasladou este venres á vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, que Galicia presentará alegacións á ampliación de fondos para a rede eléctrica e que pedirá aclaracións ao ter "serias dúbidas" que coa nova formulación estea garantida a capacidade para proxectos galegos.

En declaracións enviadas aos medios de comunicación, a Consellería referiuse a iniciativas como a de Altri, en Palas de Rei; ou na contorna da Coruña-Sabón. Con todo, no caso de Vigo, "si parece claro" que esta "tan demandada e esperada" moi alta tensión será unha realidade.

"As alegacións terán un sentido, e é que, tal como vimos denunciando, no período 2021-2026 asignóuselle a Galicia un aumento de capacidade instalada do 1,1%, cando territorialmente lle correspondería un 6%", subliñou o Executivo autonómico.

Segundo os seus cálculos, con esta ampliación quedaría nun 2,4%, "moi lonxe aínda". "No Ministerio coñecen as necesidades de potencia eléctrica para proxectos industriais en Galicia, cuestión trasladada por carta en marzo deste ano e reiterada na reunión co ministro de Industria e o presidente da Xunta en novembro", sentenciou o Goberno galego.

Todo iso despois de que este venres o Executivo central anunciase a modificación puntual da Planificación de electricidade con horizonte 2026, elevando en 105 millóns o investimento en Galicia para proxectos como a subestación eléctrica de moi alta tensión para Vigo; a nova central de bombeo das Pontes; a subestación de Naraio, en Ferrol, ou a ampliación da subestación de Meirama.

Electricidade, enerxía, cables, torres eléctricas, corrente. EUROPA PRESS - Arquivo
Electricidade, enerxía, cables, torres eléctricas, corrente. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta