O decreto do plurilingüísmo... Está ben aprender inglés, pero onde queda o galego?

Un estudo dos filólogos Estela Fidalgo e Miguel Guisantes analizaron a opinión de dous grupos de mozos (castelánfalantes e galegofalantes) sobre o idioma galego na actualidade. En Galicia o decreto plurilingüístico concedeu un terzo das horas lectivas ao inglés. O grupo galegofalante critica moito a diminución de horas de ensino en galego en favor do ensino en inglés, e tamén que se fale de colexios bilingües para referirse aos que ensinan en inglés como se aqueles que ensinan o galego e o castelán non fosen tamén bilingües.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

No mundo global actual as sociedades viven nunha situación permanente de contacto e, polo tanto, tamén o fan as súas linguas. As viaxes dun punto a outro do planeta son continuas. Calquera persoa cunha economía media hoxe por hoxe pode facer, tranquilamente, tres viaxes ao ano, algunhas pola súa zona e outras moito máis lonxe, en culturas que nada teñen que ver coa nosa. Neste contexto, as linguas minorizadas sofren de forma máis acusada a posición de desequilibrio fronte ás linguas hexemónicas. De feito, na actualidade tense ao inglés como a lingua internacional oficial, é dicir, como aquela que vaias a onde vaias vas poder usar para ser entendido, aínda que non sexa o idioma oficial do país, e tamén como aquela idónea para as empresas, a ciencia e o mundo dos negocios a nivel mundial.

Estudantes
Estudantes | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

Ante este panorama, o galego, que históricamente só estivo en contacto co español, pasa a ter múltiples focos multilingües, polo que o idioma faise máis permeable que noutros tempos. O sistema económico neoliberal entrou nunha fase de capitalismo tardía na que as linguas deixan de entenderse como emblemas da sociedade nacional e se conciben como produtos, como ferramentas para a construción socioeconómica dos individuos. Isto é, unha lingua semella que só é importante se axuda a crecer social ou económicamente á persoa que a fala. De aí que cada vez o inglés conte cunha maior presenza en Galicia: case un 40 % dos galegos afirma saber falalo e entendelo; fronte a outras linguas que, por proximidade e rasgos compartidos, deberían estar máis vinculadas a nós, como é o caso do portugués, falado por menos do 10 % da poboación.

Para estudar este fenómeno, os filólogos Estela Fidalgo e Miguel Guisantes, elaboraron un traballo cuxo obxectivo era levar a cabo comparacións de ideoloxías lingüísticas con respecto á situación de linguas en contacto en Galicia. Para iso, botaron man de dous grupos de discusión, un de castelánfalantes e outro de galegofalantes, todos eles formados por xente moza (de 18 a 25 anos) con formación universitaria e cuxos integrantes fosen coñecidos entre si (para favorecer a espontaneidade e fluidez das conversas), para achegarse ao discurso que a mocidade galega constrúe con respecto á hexemonía da lingua inglesa fronte á propia e ao concepto de multilingüismo.

Os elixidos finalmente no grupo de galego foron tres rapazas e un rapaz, de pobos de entre 2.000 e 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra. No grupo de español foron unha rapaza e tres rapaces do mesmo municipio duns 100.000 habitantes na provincia da Coruña, aínda que un nacera en Latinoamérica e viu para Galicia cando era pequeno. Como apuntan, este traballo encádrase na terceira onda da sociolingüística. Sentados comodamente nun lugar informal, coma unha cafetería, propúxolles que comezasen a falar de varios temas, todos eles relacionados coa hexemonio da lingua inglesa baixo a pregunta: 'que vos parece que hoxe sexa necesario saber inglés para case todo?'. 

ÚTIL

O primeiro concepto que xurdiu foi o de utilitarismo, unha idea bastante repetida en ambos os grupos. Todos os participantes valoraron a lingua inglesa como útil para comunicarse arredor do mundo con persoas que falan linguas diversas ou tamén para poder entenderse coas que veñen aquí como visistantes. Así, dicían que era unha lingua apta para comunicarse con todo o mundo, e declarábana como unha ferramenta ou vehículo para entablar relacións con outros países que nos conectan e afirman que hai que escoller unha dentro das que hai e que o inglés xa está moi internacionalizado. Deste xeito, non só o consideran útil, senón tamén algo necesario.

Estudantes
Estudantes | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

NECESARIO

Nesta liña do inglés como algo necesario, os mozos consideran que é unha lingua que se asocia moito ao ámbito laboral. Un dos participantes do grupo de galegofalantes dicía que o inglés faiche falta hoxe en día para traballar de calquera cousa, e que era normal que cho esixisen. Ante esta última afirmación, pódese ver que máis que dunha necesidade que veu dada, trátase dunha necesidade creada, porque fala de esixencia por parte das empresas, creada polo mercado laboral. Outras participantes, aínda que lle dan a razón, matizan que non se trata dunha necesidade para traballar de calquera cousa, senón só para traballar en cousas internacionais, en grandes empresas, de xeito que o limitan a certos traballos como o márketing. E é que dentro da conversa hai rapazas que din que elas non o tiveron que usar practicamente nunca nos 25 anos que teñen, e as súas profesións son a de enfermeira, farmacéutica e camareira. E tampouco nunca llo pediron como requisito para acceder ao posto.

Dentro do grupo de español asumen o inglés como algo moi necesario cando se fala dun traballo, porque se che chaman vendedores ou empresas de fóra, en que idioma lle vas a falar? Evidentemente en inglés, manifestan. De feito, introducen outro elemento de discusión moi interesante, que é que a irmá dunha das participantes do grupo está moi acomplexada por non dispor desta competencia. De onde parte ese complexo? Pois desa concepción de que o inglés se convertiu nunha habilidade que pode atribuírse ás persoas traballadoras, como pode ser o feito de que sexan eficientes ou rápidas. Isto deriva da dinámica propia do sistema neoliberal no que nos atopamos, pois a lóxica do mercado apoderouse tanto das nosas vidas que semella que a xente vive coleccionando habilidades e competencias, entre elas as lingüísticas. Así, na actualidade o inglés sería un requisito fundamental para as persoas que queren acadar o éxito laboral e, considérase que se non tes competencia en inglés, estás destinado a fracasar dentro do mercado.

IMPOSICIÓN

Por outra banda, dentro dos grupos de discusión tamén xurdiu debate sobre o tema de imposición, ao parecer de moitos dos participantes unha imposición absurda. Dicían que semellaba que se non sabes inglés hoxe en día non vas a ningún lado. Así, non comprendían como podía ser esixido para acceder a certos postos de traballo nos que seguramente falarías inglés dúas veces na vida. Deste xeito, comentaban que agora saber inglés é como saber controlar un paquete de Office, é dicir, unha imposición por parte das empresas, un requisito. E todos os participantes volven á idea de que aquí en Galicia non debería ser tido en conta como algo tan necesario. Un dos participantes, traballador en radio, dicía que nunca lle pediran inglés, porque no seu traballo non era preciso para nada. Por iso, reflexionaban que se te queres quedar aquí en Galicia a traballar o inglés non debería ser un requirimento imprescindible, nin moito menos.

No grupo de español, por outra parte, non so entendían a esixencia do inglés no acceso ao mercado laboral coma unha imposición, senón que tiñan a mesma sensación no caso do requirimento do galego. Unha das rapazas recriminaba que impor o galego para acceder ao posto de traballo nunha comunidade na que existen dúas linguas cooficiais restrinxe liberdades aos castelánfalantes. No seu caso, dicía que hasta facía ben pouco ela non falara o galego na súa vida, e que de un tempo a esta parte viuse obrigada a falar galego no traballo.

LINGUA DE PODER

Relacionado con esta cuestión de ser usado nos negocios, tamén se atopa a vinculación que se lle dá como lingua de poder, tanto económico como cultural, pois en ambos os grupos de estudo coincidiron en que hai unha relación do inglés como lingua hexemónica, política, militar, cultural, ao igual que Estados Unidos é unha potencia hexemónica no mundo. E tamén outras grandes potencias como Reino Unido falan inglés. Mesmo Alemaña, onde a pesares de que non se fala o inglés, fálase o alemán, unha lingua xermánica coas mesmas raíces que o inglés. Se se pensa ben, o castelán tamén debería ser igual de importante, pois fálase en toda Latinoamérica, ademais de en España, ou o chinés, que é o idioma máis falado do mundo. Sen embargo, isto non é así. Por que? No grupo de castelanfalantes asumen que se debe ás relacións xeopolíticas mundiais. De feito, recordan que fai 50 anos, nos tempos de Franco, nas escolas esixíanche o francés, e agora a evolución política mudou as cousas, xunto ao poder económico, proxectado no plano cultural: hai doblaxe de todo en inglés, e as películas e música que máis consumimos están en inglés, polo que te acabas empapando desa cultura.

MERCANTILIZACIÓN

Así mesmo, mencionan o concepto da mercantilización, que vén a ser o proceso mediante o cal calquera obxecto se constrúe como activo económico e, neste punto, tamén entran as linguas. A lingua inglesa hoxe por hoxe xa non só se entende coma un medio de produción, senón coma un produto en si mesma. Unha das rapazas fala do negocio que implica o inglés: clases e exames específicos, porque non todos valen para obter o título, e esíxenche os máis caros: case 200 euros e, se suspendes, quedas sen os cartos e sen o inglés, porque aínda que o saibas non o tes acreditado e non van considerar que si sabes. 

FENDA CLASISTA

Vinculado co anterior, tamén entra o tema da fenda clasista, pois no noso contexto, con eses pagos carísimos de clases e exames, podería entenderse que o inglés non é para todo o mundo, e non porque non o poida aprender, senón porque hai xente que non pode pagalo. No grupo de castelánfalantes tamén se critica ao sistema educativo público, porque aseguran que o colexio adoita dar un nivel bastante pobre de inglés e falan do ensino privado como unha maneira de poder adquirir este produto que é a lingua inglesa de xeito correcto. E é que algúns dos participantes deste grupo consideran que os rapaces que saben ben inglés é precisamente porque teñen a posibilidade de ir a academias privadas. E unha das participantes confesa que ela sabe ben inglés porque tivo o privilexio de obter unha beca de estudos nos Estados Unidos, e recoñece que, de non tela obtido, tampouco tería bo inglés co que lle ensinaron no colexio.

SISTEMA EDUCATIVO

Na mesma liña, esta rapaza asegura que o sistema educativo actual en Galicia ten implementado fortemente esta lingua hexemónica nos currículos (aínda que se ensine mal), contra o que cabería agardar dunha comunidade que ten lingua propia, unha lingua que decrece en falantes. Semella que o que nos está a acontecer agora na nosa sociedade é similar ao que xa lle ocorreu a Corea nos anos 90: os país emprenderon unha carreira imparable porque os fillos adquirisen esta lingua inglesa e tivesen máis e mellor nivel de inglés, o que se rematou contaxiando a outros países occidentais de fala non inglesa. En Galicia, en concreto, o decreto plurilingüístico concedeu un terzo das horas lectivas ao inglés. O grupo galegofalante critica moito este feito da diminución de horas de ensino en galego en favor do ensino en inglés, e tamén que se fale de colexios bilingües para referirse a aqueles que ensinan en inglés como se aqueles que ensinan o galego e o castelán non fosen tamén bilingües. 

Pola contra, o grupo de castelánfalantes non bota de menos esta diminución do galego na educación e semella que aceptan esa tripla utilización das linguas. Pero valoran de forma moi negativa o ensino do inglés na Secundaria, tanto nas materias lingüísticas como, especialmente, naquelas que se daban en inglés, pois nesas nas que había un montón de palabras técnicas tíñalas que aprender, o exame era en inglés e había que enxeñalas como cada quen podía. E no que respecta ao ensino do idioma como tal, consideran que non hai unha progresión da aprendizaxe correcta, senón que se pasan moitos cursos ensinando o mesmo. De feito, hai quenes aseguran que aprenderon moito máis inglés vendo series pola súa conta que na escola. 

REIVINDICACIÓN

O grupo de galegofalantes criticaba tamén que para certas profesións en Galicia valorasen demasiado o saber inglés. De tal xeito que collían antes a xente que viña de fóra que á xente galega. Así, en traballos como a enfermaría, sucedía que os hospitais estaban cheos de xente que viña de fóra de Galicia e que, segundo aseguraban, despois non entendían cando lles chegaba á consulta un señor de aldea falando galego. Pero para o acceso á praza saber inglés semella ser máis valioso e dar máis puntos que saber galego. Ademais, consideran que se o galego xa estaba ameazado polo castelán, porque a lingua xa ten moitos castelanismos, agora hai que lidiar tamén co inglés, cuxas verbas tamén cada vez se están incorporando no galego. Por exemplo, xa ninguén di aparcadoiro, todo o mundo di parking. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xoán Ignacio Balsa Conchado

Así nos vai... Asumir,por imposición, ignorancia... Xa o di o refraneiro popular: A vaca da miña veciña da mellor leite cá mina... Así estamos... E así nos vai... Os galegos renegando/submetendo a súa lingua á castelá... Os casteláns submetendo a súa lingua á inglesa, mais ao mesmo tempo(cun par de intelectuais collóns/ovarios) oubeando contra a presunta imposición lingüística do galego... ...na Galiza.. Botaría a rir a cachón senón fose cousa de chorar(e muito). En fin... Non vou perder o tempo... Voltando ao refraneiro: Non hai máis cego ca o quer ver