Dr. María Tajes: "Aumentaron as valoracións da saúde mental nos mozos, por problemas de 'bullying', pero tamén de drogas"

Calcúlase que os trastornos mentais afectan a unha de cada catro persoas, polo que "son algo frecuente, pero afortunadamente tamén tratable", asegura a xefa do Servizo de Saúde Mental do Sergas, que anima a todas esas persoas que teñen problemas mentais ou impulsos suicidas a poñerse en contacto cos profesionais nos teléfonos 061 ou 024, onde recibirán unha axuda rápida.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A saúde mental é algo que cada vez valoramos máis nunha sociedade na que palabras como 'depresión' e 'ansiedade' vólvense tan frecuentes que semellan que practicamente todos pasaremos por algunha ou polas dúas doenzas ao longo das nosas vidas. A pandemia puxo o foco sobre a importancia de coidar as nosas mentes, non só os nosos corpos, e axudounos a entender que temas como o suicidio ou os trastornos mentais de tipo psicótico ou esquizofrénico tiñan que deixar de ser vistos como un 'tabú', deixar de estar estigmatizados, e comezar a poñerse no punto de mira, para tratar de axudar a todas esas miles e miles de persoas que o están pasando mal. E é que non hai que esquecer que hoxe son eles, pero mañá podemos ser nós. Neste punto, especial preocupación se ten na actualidade nas idades máis temperás, na infancia, porque os máis novos non están exentos de sufrir 'depresións' ou de caer en tentativas de suicidio a raíz de 'bullying' e outros fenómenos de acoso.

Depresión, suicidio, fenómenos moi relacionados coas enfermidades mentais
Depresión, suicidio, fenómenos moi relacionados coas enfermidades mentais | Fonte: Pixabay - Daniel Reche - Arquivo

Dende Galicia Confidencial, puxémonos en contacto coa xefa do Servizo de Saúde Mental do Sergas, a doutora María Tajes, que participou nunha xornada de reflexión sobre o asunto celebrada esta mesma semana en Santiago: 'Falemos sobre saúde mental', organizada pola Consellería de Sanidade e o Colexio de Psicoloxía de Galicia en colaboración coa Fundación Araguaney Puente Culturas. Queriamos coñecer un pouco máis en profundidade cal é a situación na que nos atopamos como sociedade con respecto ao suicidio e, especialmente, se os problemas de saúde mental se están a volver cada vez máis comúns entre os máis pequenos, que co impulso das redes sociais e a irrupción das novas tecnoloxías nas súas vidas atópanse máis expostos a problemas de acoso. Así nolo conta esta profesional.

"Nos últimos anos levamos vendo claramente un aumento das solicitudes de valoración dos fillos por parte de moitos pais, é dicir, hai un claro incremento do número de persoas que chega a Atención Primaria ou aos centros de saúde mental solicitando unha valoración", asegura a doutora, que afirma que "as circunstancias polas que esta se pide son de moi diversa índole, polo que hai detrás da resolución un traballo de colaboración en diferentes niveis". Neste senso, pon o exemplo de "situacións que poden ser resoltas en colaboración co sistema educativo", como pode ser o caso do 'bullying' que fai que o rapaz ou a rapaza se encontre mal. Sen embago, "hai outras máis complexas", entre as que "destaca actualmente todo o que ten que ver coa demanda de valoración por problemas relacionados con trastornos de conduta alimentaria".

Con todo, o que máis segue a preocupar, xa que tamén se está a incrementar, "é a demanda de valoración por autolesións que, ás veces, teñen intencionalidade suicida, e outras veces non a teñen tan claramente, pero loxicamente preocupan e deben ser atendidas". A doutora Tajes considera que este tipo de situacións "ás veces veñen derivadas de problemas de acoso, cada vez máis presentes nos centros educativos", tamén a raíz da irrupción das redes sociais dende idades máis temperás. E tamén considera que o incremento de solicitudes de valoración ao respecto poida deberse a que "a xente deixou de ver estes temas coma un tabú e comeza a recoñecelos coma un problema, polo que vén a nós a pedir axuda". 

Por outra banda, tamén menciona como algo a ter moi en conta o "risco relacionado co incremento de problemas graves de psicose que poden vir derivados ás veces tamén de consumos de drogas". E é que, como advirte a doutora, "aínda que agora semella que esto é un tema que xa non se leva ou que xa non é un problema para a sociedade como o foi noutro tempo, estamos vendo que a xente cada vez ten unha menor percepción do risco no consumo de drogas como o cánnabis, sobre o cal hai bastante información e non toda é adecuada en relación aos riscos". "A desinformación unida á irrupción no consumo de derivados do cánnabis de alta potencia e un incremento do seu consumo pon en risco tamén a cerebros moi mozos que están aínda en desenvolvemento", alerta a doutora Tajes, que asegura que "os máis mozos pensan que o cánnabis non fai nada, que é inocuo, que o tabaco é peor e moitos outros falsos mitos", o que fai que "rematen por expoñer un cerebro vulnerable, un cerebro adolescente que está desenvolvéndose, a unha substancia que é nociva, incrementando así o seu risco a padecer psicose". 

Doutora María Tajes, xefa do Servizo de Saúde Mental do Sergas
Doutora María Tajes, xefa do Servizo de Saúde Mental do Sergas | Fonte: Afundación

O ESTIGMA SOCIAL: "TENDÍASE A OCULTAR UN FEITO QUE NON ERA TAN INFRECUENTE"

Aínda que cada vez menos, semella que falar de suicidio non é politicamente correcto, coma se fose algo que houbese que ocultar e tapar. "É un tema complexo", afirma a doutora Tajes, que está de acordo en que houbo un tempo no que "o suicidio entendíase como algo que había que ocultar, mesmo a nivel familiar, porque máis aló da dificultade que supón a nivel emocional a perda dun ser querido de maneira súbita e inesperada, tamén custa recoñecer ás persoas que están en perigo de caer no suicidio, e non sempre somos quen de facelo". Dende o punto de vista clínico, asegura que "en saúde mental non temos unha analítica que nos diga que temos este parámetro alto e este baixo e por iso hai risco, no día a día non doe da maneira en que o fai un problema físico". Por iso, "o suicidio é un acto moi traumático para as familias". Ademais, vinculado a ese proceso de ocultación da realidade a doutora considera que tamén ten moito que ver a ideoloxía, como por exemplo a relixión. Deste xeito, "tendíase a ocultar un feito que non era tan infrecuente, porque en verdade, contra o que poida parecer, non é unha causa de morte infrecuente, o que sucede é que se tende a invisibilizar". 

E en certo sentido esa invisibilización tamén partía da crenza de que contar os suicidios podía xerar contaxios. Sobre isto, a doutora Tajes apunta que "temos que ser moi conscientes de que hai situacións nas que falar de suicidio pode ser un risco, por exemplo, se falas de suicidio ensalzando á persoa que se suicida coma se fose algo meritorio, de valentes; hai que falar con propiedade, porque quen se suicida é unha persoa que está sufrindo, desesperanzada, que non sabe como seguir adiante". De feito, apunta a que "cando ti falas coas persoas que sobreviven a unha tentativa de suicidio ves que realmente non queren morrer, o que queren é saír dun sufrimento". En resumo, considera que "se ti falas de suicidio dunha forma heroica podes precipitar un fenómeno de contaxio, como cando se suicida unha persoa famosa e non se comunica ben ou se fai moito fincapé no medio letal que usou, algo que non aporta nada; pero os contaxios son situacións ailladas, e é necesario comunicar os mecanismos polos que a xente con este sufrimento pode lograr un apoio".

ATENTOS AOS SIGNOS DE ALERTA: "TEMOS A SENSACIÓN DE SER INMUNES, E NON O SOMOS"

Ademais, á dificultade de identificar as persoas que son susceptibles de caer nesta desgraza, súmase o feito de que non hai un perfil de risco como pode haber noutros problemas: "É moi distinto o perfil da persoa que ten unha tentativa que o da persoa que falece, e é moi distinto o perfil de risco dunha persoa de maior idade que o dun mozo, polo que é algo moi difícil de predecir". Con todo, a doutora Tajes apunta a algúns signos de alerta que nos poden levar a plantexarnos que é o momento de pedir axuda: "Especialmente destaca a desesperanza, que alguén che diga que xa nada lle ilusiona, que ante unha situación de problema non ve a saída, a desesperanza como signo de alerta máxima, e se xa vén acompañada de testemuños máis complexos relacionados coa morte pois iso tennos que facer saltar as alarmas". E, sobre todo, hai que dar apoio a estas persoas que están sufrindo, porque hoxe son elas, pero mañá podemos ser nós. Tal e como apunta a doutora, "é certo que ás veces, coa enfermedade mental, temos a sensación de que podemos ser inmunes a ela, e non o somos".

Calcúlase que os trastornos mentais afectan a unha de cada catro persoas, "antes da pandemia estaba estimado nunha de cada cinco, e agora mesmo as estadísticas xa van cara unha de cada catro, é dicir, son algo frecuente, pero afortunadamente tamén tratable". Por iso, a doutora Tajes lanza unha mensaxe para todas esas persoas que o estean a pasar mal: "Nós, como profesionais da saúde, vamos a estar sempre coas persoas que están cun alto grao de sufrimento e, para atender as situacións de maior severidade, contamos con unidades de atención específicas, así que non deben deixar de pedir axuda, porque para esas situacións especialmente severas e graves prevese unha resposta rápida". 

O PUNTO DE INFLEXIÓN: "A PANDEMIA VEU XIRARNOS A TODOS A MIRADA CARA UN PROBLEMA QUE ANTES NON QUERIAMOS VER"

Neste contexto, preguntamos á doutora Tajes ata que punto influiu a pandemia na saúde mental da xente. E ela teno claro: "A pandemia veu a xirarnos a todos a mirada cara un problema de saúde, como era a saúde mental, que antes non queriamos ver". "Si que é certo que na pandemia concorreron unha serie de circunstancias, como foron o aillamento social, a falta de contacto interpersoal ou a incertidume, que xeraron un niveis de estrés na poboación que fixeron que moitas persoas comezasen a experimentar algunhas situacións de malestar", conta. Foi entón cando realmente os profesionais da saúde se percataron de que había que actuar con rapidez, e de que "había que reforzar todos os recursos que había no sistema para atender a estas persoas". Deste xeito, púxose en marcha o Plan de Saúde Mental de 2020, polo que se adoptaron unha serie de medidas, con especial fincapé na atención á infancia e ás persoas con trastorno mental grave, porque "adoitamos pensar moito en problemas de ansiedade e depresión e non tanto en xente con problemas de psicose moi grave, ou de trastornos bipolares, que precisan de moitos apoios".

Así, dende Sanidade puxéronse en marcha novas unidades de saúde mental, novas unidades de prevención do suicidio (antes da pandemia só había unha en Ourense e agora xa hai unha en cada área sanitaria, é dicir, sete), hospitais de día infanto-xuvenís (en funcionamento en cinco das sete áreas sanitarias, a agarda de que antes de final de ano se poña en marcha a da Coruña) e reforzos a esa atención á saúde mental dos máis mozos en dispositivos ambulatorios. E é que, como asegura a doutora Tajes, "máis aló do momento agudo da pandemia vimos unha maior conciencia por parte de todos os sectores da poboación, dende os políticos ata os xestores de medios pasando pola propia cidadanía, para entender os problemas de saúde mental coma unha situación que require de atención". Neste senso, dende Sanidade, en colaboración con asociacións e ONG's puxéronse en marcha toda unha serie de programas e campañas de prevención do suicidio e de acompañamento ás persoas que tiveron algunha tentativa, e tamén programas centrados na atención en materia de adiccións (non só ás drogas, senón tamén ás novas tecnoloxías, entre outras). 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta