La Voz dálle a vitoria a Rueda pero co 45% de abstención e "voto oculto" en Ourense

Os máis abstencionistas ou indecisos serían votantes socialistas. Segundo a enquisa deste xornal, o PPdeG estaría en condicións de manter a maioría absoluta por un só escano, pero a esquerda sumaría 3 deputados máis que en 2020.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 07/01/2024 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

O candidato do PPdeG e actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estaría en condicións de manter a maioría absoluta nas eleccións do próximo 18 de febreiro --sería a quinta consecutiva dos populares, e o seu primeiro resultado propio como aspirante--, pero perdería tres escanos e quedaría con 39 dos 75 do hemiciclo do Parlamento autonómico. A enquisa tamén mesturou a lei de amnistía nas preguntas feitas e apunta a unha alta porcentaxe de indecisos e abstención, un 45%, especialmente, entre votantes socialistas o que podería cambiar nas vindeiras semanas.

Así o reflicte a enquisa de Sondaxe que publica este domingo 'La Voz de Galicia', que outorga esas tres actas que o PP perdería no Pazo do Hórreo ao bloque de esquerdas que representarían BNG, PSdeG e Sumar. Deste xeito, o BNG subiría un escano na circunscrición provincial de Pontevedra, onde o PP perdería unha acta; mentres que Sumar sacaría unha acta pola Coruña, tamén á conta da baixada dun por parte dos populares; e o PSdeG --co lucense José Ramón Gómez Besteiro como aspirante á Xunta-- pasaría de dous a tres escanos na provincia de Lugo, onde os populares cederían un tamén.

Ourense sería así a única provincia que mantería unha repartición idéntica ao ano 2020, con oito escanos en mans dos populares, tres nas do BNG e outros tres nas do PSOE. Cunha porcentaxe de estimación de voto do 3,6% no caso de Vox e do 3,5% para Democracia Ourensana (D.O.), ningunha das dúas forzas superarían o listón preciso para lograr un escano.

VOTO OCULTO EN OURENSE

En todo caso, Ourense é a provincia que outorga a Vox mellores resultados en estimación de voto, ademais da presenza do partido que dirixe o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. E non só iso, segundo o publicado, é o territorio onde Sondaxe detecta máis voto oculto.

Na Coruña a repartición quedaría en 13 actas para o PP, sete para o BNG, catro para o PSOE e un para Sumar; mentres que en Pontevedra os populares sumarían dez, sete o BNG e cinco o PSOE; e en Lugo, o PP conseguiría oito, mentres que os nacionalistas sumarían tres, e os socialistas, outro tres.

VALORACIÓN DE LÍDERES E ABSTENCIÓN

No que respecta á valoración de líderes, o candidato popular, Alfonso Rueda, que se presenta por primeira vez tras a sucesión de Alberto Núñez Feijóo, é o líder mellor valorado, cun 5,3. Séguelle a líder do Bloque, Ana Pontón, que é a única que aproba da oposición, cun 5,2. A continuación, a enquisa outórgalle un 4,8 ao candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, e un 4,2 á aspirante de Sumar, Marta Lois.

Tamén se reflicte o cambio de voto pola lei de amnistía (un de cada cinco electores, segundo 'La Voz', din que o impulso da mesma fíxolles cambiar de papeleta), e un elevado nivel de abstención. En concreto, a apenas 40 días das eleccións galegas, a abstención estimada roldaría o 45%. Os votantes do PP e do BNG serían os máis fieis e os do PSdeG, os máis abstencionistas.

Alfonso Rueda nun acto electoral
Alfonso Rueda nun acto electoral | Fonte: RTVE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta