Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2024 | Actualizada ás 12:49
O Movemento Galego pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos (Modepen), Traballadores de Residencias de Galicia (Trega), e o colectivo Vellez Digna, critican o Bono Coidado da Xunta por considerar que ten "unha clara intención electoralista", así como que "tenta manipular aos dependentes e comprar o seu voto con diñeiro sen corrixir ningún dos problemas que lastran a dependencia".
Nunha nota de prensa, as tres asociacións denuncian que a administración autonómica enviou unha carta aos usuarios de residencias na que informa, "de maneira propagandística", sobre o "apoio, axuda e comprensión" que brinda a Xunta aos dependentes e que, por iso, "idearon o Bono Coidado en residencias cun complemento universal de 1.200 euros".
"Preguntámonos se facían falta catro anos para idear isto. Nós démoslle mellores ideas en só 10 minutos", cuestionan no comunicado. Así, realizan unha valoración "negativa" desta medida que, na súa opinión, "só trata de ocultar a mala xestión da Xunta nesta lexislatura e nos 10 anos anteriores", nos que aseguran que os "malos tratos a residentes e familiares estendeuse parello ao empeoramento dos servizos na maioría das residencias galegas".
Nesta liña, defenden que nos últimos 14 anos o Goberno galego "boicoteou ao seu propio servizo de inspección avisando ás residencias cando van ser as inspeccións", permitiu "o empeoramento dos coidados e da comida", "incumpriu os cocientes", instaurou "un total escurantismo e opacidade" neste ámbito e converteu as residencias de maiores en "lugar de ingreso para pacientes psiquiátricos, extoxicómanos ou vítimas de accidentes".
Ademais, critica que non crease "nin unha soa residencia pública" durante estes anos e que "privatizase as que xa había": "Converten aos dependentes nun negocio onde priman os beneficios e non os coidados".
Neste contexto, os colectivos de pensionistas e de traballadores de residencias consideran que "acordarse agora" dos dependentes e "como única medida darlles 1.200 euros a catro días das eleccións", ten unha "clara intención electoralista". Ademais, sosteñen que os 1.200 euros ("100 euros mensuais") é unha cantidade "cutre", xa que as residencias "custan bastante máis de 2.300 euros ao mes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.