Rueda atrapado na proposta dunha ABAU única de Feijóo: "Hai peculiaridades nas nacionalidades históricas"

A ministra Morant cualificou a proposta de "ocorrencia. O presidente da Xunta nega que sexa unha medida "unilateral" das autonomías do PP a pesar de que reitores e sindicatos aseguran que é moi difícil a implantación dunha proba conxunta en todas as autonomías.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/01/2024 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

Feijóo novamente volve a marcar a axenda política galega a pesar do difícil momento no que se atopa o seu sucesor na Xunta, a tres semanas dunhas cruciais eleccións. A súa proposta de implantar unha ABAU conxunta en todas as autonomías nas que goberna o PP deixa sen maniobra a un presidente galego que tivo que defender a iniciativa aludindo a que era algo que xa o seu antecesor no Goberno galego defendía. E, aínda así, acabou admitindo que hai "peculiaridades", como é o caso de Galicia, na que hai que ter en conta exames como o do galego.

Feijóo e Rueda, durante a Interparlamentaria.. Rosa Veiga - Europa Press
Feijóo e Rueda, durante a Interparlamentaria.. Rosa Veiga - Europa Press

"Hai tempo que a Xunta fixo esta proposta. Non se trata de enmendar a plana a ninguén senon que a inmensa maioría está de acordo en que se faga. Que haxa unha ABAU que sexa xusta e sexa igual para todos", respondía este xoves Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Con todo, reitores e sindicatos, así como outras autonomías non gobernadas polo PP, xa manifestaron as dificultades que existen para por en marcha esta medida que non foi consultada, ademais, co sector educativo.

Rueda insistiu en que a idea é que se hai un distrito universitario único pois que non haxa baremos diferentes na ABAU. "Isto analizouse polos servizos técnicos da Consellería e cónstame que tamén polos doutras autonomías. É complicado pero de entrada non hai que dicir non. É unha medida de xustiza e haberá que analizala", dixo ante as críticas recibidas.

"PECULIARIDADES"

Con todo, recoñeceu que esta ABAU do PP non podería ser implantada de xeito xeral en todas as autonomías, cando menos, en nacionalidades históricas como Galicia, Cataluña ou Euskadi, onde, a maiores, teñen exame da súa respectiva lingua propia. "Unha Abau conxunta non quere dicir única para todas as autonomías, obviamente. O que queremos é que se eliminen barreiras que había antes pero hai peculiaridades que se reservarán, como é o caso do exame de galego", dixo.

PROPOSTA DE FEIJÓO

Preguntado se esta proposta non é outra máis das que impón Feijóo desde Madrid, condicionando deste xeito a axenda propia de Galicia, Alfonso Rueda defendeu que o actual líder do PP xa falaba desta proposta cando estaba na Xunta "para igualar a todos e que os galegos que queiran ir a outras universidades". "O conselleiro xa estaba informado e acudiu a reunións e isto se fai logo dunha maduración e conversas", engadíu para tentar afastar a idea da "imposición".

PONTÓN: "O PP QUERERÁ ELIMINAR AS MATERIAS EN GALEGO DO TEMARIO"

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, contestou ao anuncio do PP de promover unha selectividade común nas 11 comunidades autónomas nas que goberna, para avisar que "a selectividade de Galicia non se pode decidir na rúa Xénova". Para a líder nacionalista, "isto é unha demostración da subordinación que ten o actual candidato do Partido Popular, o señor Rueda, á estratexia centralista do Partido Popular en Madrid".


Atendendo ás preguntas dos xornalistas ao concluír un acto oficial do BNG en Pontevedra, Ana Pontón sinalou que é "evidente" que esta iniciativa do Partido Popular "significa un ataque á autonomía galega". "Non nos podemos permitir", di, "reducir as competencias e a capacidade de decisión que temos neste ámbito" e que se considere que o temario que se decide desde Galicia non vai ser avaliado na selectividade. "Isto non o podemos permitir baixo ningunha circunstancia", insistiu.

A candidata do Bloque á Xunta de Galicia lembrou que "no Bacharelato hai materias propias e, por tanto, ten que haber unha selectividade propia". Pontón sinalou que "o que quere o Partido Popular é eliminar do temario supoño todas as materias galegas" e isto significa, engadiu, "un ataque á autonomía de Galicia que non se pode tolerar". Por último, insistiu en que "a selectividade de Galicia non se pode decidir na sede do Partido Popular en Madrid. Só faltaba. Eu como presidenta non o tolerarei", sentenciou.

MINISTRA DIANA MORANT

A ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, tachou de "ocorrencia" e "frivolidade enganosa" a Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (EBAU) común proposta polo presidente do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feijóo, para o once comunidades autónomas nas que gobernan os 'populares'.

Así se expresou Diana Morant nunha rolda de prensa ofrecida na sede do Ministerio, tras presidir a primeira reunión desta lexislatura da Conferencia Xeral de Política Universitaria, que é o órgano de concertación, coordinación e cooperación da política xeral universitaria coas comunidades autónomas. Respecto ao debate da avaliación común, a titular da carteira de Universidades criticou que cando o PP "está na oposición" propón unha EBAU única, pero "cando ten a oportunidade de gobernar, nunca a implanta".

Por outra banda, Diana Morant engadiu que se trata dunha proposta que "non xorde do diálogo coas universidades". De feito, a pouco que un saiba de política universitaria, que é o que vivimos esta mañá nesta Conferencia de política universitaria, enténdese que existen tantos sistemas universitarios, xa non como comunidades autónomas, senón como universidades", reflexionou.

Así mesmo, Diana Morant engadiu que "existe unha autonomía das universidades", así como "modelos competenciais impostos ou aprobados polas distintas comunidades autónomas que non posibilitan esa proposta que fai o señor Feijóo". "Por tanto entendemos que é unha ocorrencia ou unha frivolidade, enganosa por outra banda porque cando eles gobernan non o implantan nin o estudan nin profundan sobre esa idea, pero desde logo que non responde en ningún caso a unha demanda que estea a facer o sistema universitario", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta