Por Gc Tendencias | A Coruña | 10/08/2015 | Actualizada ás 14:19
A Sede Afundación na Coruña acolle desde este luns «Exposyfy», unha mostra deseñada pola canle Syfy e Propside.com, que reúne unha selección de pezas orixinais dalgúns dos títulos máis representativos da historia máis recente do cine fantástico e de ciencia ficción.
«Exposyfy» exhibe preto de 200 obxectos orixinais únicos, procedentes das rodaxes das películas que escribiron a historia do cine de xénero dos últimos anos. Entre eles destacan: unha moeda dos Goonies, o Hydrobot de Terminator Salvation, a moto de Will Smith en I, Robot, a luva de Freddy Kruger en Pesadelo en Elm Street V, e outros obxectos pertencentes a soados filmes deste xénero como Men in Black I e II, Alien vs Predator, X-Men, a saga Regreso ao futuro ou Parque Xurásico. A entrada á exposición é gratuíta e recomendada para todos os públicos.
A exposición, que permanecerá aberta ata o 30 de agosto, pode visitarse na sede da entidade de luns a venres de 17.00 a 21.00 h e os sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 horas.
Syfy é unha canle temática internacional, centrada fundamentalmente en series e películas de ciencia ficción. Tamén dedica espazos aos xéneros de fantasía, horror e fenómenos paranormais. Algunhas das series e programas que emite son: Stargate Atlantis, Temblores, Sete Días, American Gothic, O sentinela, Battlestar Galactica, WWE Smackdown!, Heroes e Terra 2.
Propside.com é unha compañía especializada na investigación, procura e conservación de obxectos orixinais de películas da historia recente do cine e xestiona a primeira tenda online en España de compra-venda destes artigos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.