GC Aberto

Sobre a Constitución, as «persoas discapacitadas», os políticos e a ideoloxía de xénero

Retomando a nova redacción do artigo 49 da Constitución española de 1978, alén do rechamante que resulta que as mulleres aparezan equiparadas, como foi tradicional ao longo da historia, aos menores de idade, é evidente que non todos os discapacitados teñen as mesmas necesidades; non obstante, estas non dependen en absoluto do xénero.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 11/02/2024

Comparte esta noticia

Como é de xeral coñecemento, o 18 de xaneiro deste ano o Congreso dos Deputados aprobou a reforma do artigo 49 da Constitución de 1978 para substituír a palabra «diminuídos» pola locución «persoas discapacitadas». E o día 25 do mesmo mes o Senado fixo o propio.

Constitución española
Constitución española | Fonte: Vía Galega

Porén, este cambio é unha simple maquillaxe semántica —procedemento cosmético que goza de gran querenza entre a actual clase política— e se o analizamos con certa profundidade tomaremos conciencia de que empeora a consideración dada a quen padece limitacións de carácter físico, mental ou sensorial. É o que nos ensina a etimoloxía: o prefixo grego «dys» significa «dificultade» («disfaxia» é a dificultade para deglutir) e tamén «mal» («dispepsia» é o termo médico indicativo de malas dixestións).

Un «diminuído» é quen «perdeu forzas ou aptitudes, ou as posúe en grao menor ao normal» (Dicionario da Lingua Española), sen que a voz implique ningún menosprezo: se perdo un membro corporal as miñas facultades físicas non serán as mesmas que as daqueles que os posúen todos; e se teño unha trisomía 21 a miña competencia intelectual é inferior á dos que non a teñen.

En contraposición, afirmar que unha persoa é dis-capacitada comporta recoñecer que está capacitada de forma deficiente. É dicir, mentres un diminuído pode estar perfectamente capacitado, ser apto, para desempeñar unha actividade concreta se recibiu a formación adecuada, un dis-capacitado, un non apto por definición, non o estaría nunca.

Por outra banda, convén non obviar que a modificación do artigo 49 inclúe no seu segundo punto un engadido: «Os poderes públicos impulsarán as políticas que garantan a plena autonomía persoal e a inclusión social das persoas con discapacidade […]. Atenderanse particularmente as necesidades específicas das mulleres e os menores con discapacidade».

Na exposición de motivos do anteproxecto de reforma, este último mandato figuraba co seguinte tenor literal: «Atenderanse particularmente as necesidades específicas das mulleres e nenas con discapacidade». Semella que, ao cabo, os redactores do anteproxecto non se atreveron a implementar a perspectiva de xénero (considerada por eles «un principio fundamental desta reforma») até o punto de marxinar non xa aos homes discapacitados, senón mesmo aos nenos varóns.

É oportuno, entón, facer aquí un inciso para traer a colación ao concepto de ideoloxía que expón Marx en «A ideoloxía alemá», co que, a pouco que se reflexione, é factíbel concordar en tanto en canto amosa que todas as ideoloxías son falsas dado que terxiversan e manipulan a realidade no seu propio interese, aínda que ao meu entender, non só actúa deste xeito a ideoloxía dominante; tamén o fan as que pretenden chegar a selo.

Retomando a nova redacción do artigo 49, alén do rechamante que resulta que as mulleres aparezan equiparadas, como foi tradicional ao longo da historia, aos menores de idade, é evidente que non todos os discapacitados teñen as mesmas necesidades; non obstante, estas non dependen en absoluto do xénero, talvez si da idade, seguro que si do tipo e grao de discapacidade, ademais, por suposto, dos ingresos económicos persoais ou familiares.

O agregado referido ao xénero dos cidadáns e que discrimina, por mor desta variábel socialmente construída, de forma favorable ás mulleres, entra en conflito co fundamental artigo 14 da Constitución, o cal dispón a incontestable igualdade, «ante a lei», de todos os españois sen que caiba ningunha discriminación por mor da súa raza, relixión, opinión, sexo, etcétera.

No ano 2024, en España, inventarse a existencia dunha desigualdade real entre homes e mulleres, sufran ou non unha discapacidade, que esixe continuas e ilimitadas accións lexislativas en beneficio exclusivo ou preferente destas últimas, non pode ser outra cousa distinta do que é…

Pura ideoloxía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta