Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2024 | Actualizada ás 11:16
Case 1.200 profesionais incorporáronse ás listas de contratación temporal da Xunta de Galicia durante 2023 para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públcios que presta a administración.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes as listas definitivas de admitidos e excluídos para diversas categorías da administración xeral ás que se incorporan un total de 1.156 profesionais.
Entre as listas publicadas figuran as de enxeñeiros de camiños, canles e portos, de minas e de montes, veterinarios, profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional ou xefe/a de cociña.
A eles súmanse os 239 profesionais que xa se incorporaron ás listas de contratación temporal para diferentes categorías sanitarias, publicadas de forma separada hai unhas semanas. En total, o número de solicitudes nas listas de contratación da Xunta de Galicia é de 155.351.
As listas definitivas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal e eb o Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012. As persoas interesadas que así o desexen disporán do prazo dun mes desde a publicación das listas no DOG para presentar recurso de alzada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.