Verea acusa a Sanmartín de "xogar coa saúde" dos composteláns: "estamos ante unha alcaldesa kamikaze"

Critica as negociacións coa Xunta para habilitar o novo aparcadoiro do CHUS. Pola outra banda, Muíños (PSdeG) propón unha reunión entre os grupos municipais e lamenta a "falta de transparencia" dos gobernos local e autonómico

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2024 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O portavoz municipal do PP en Santiago, Borja Verea, acusou á alcaldesa, Goretti Sanmartín, de "xogar coa saúde" dos composteláns "por cálculo electoral" durante as negociacións coa Xunta para habilitar un aparcadoiro na contorna do Hospital Clínico.

Así se pronunciou este mércores o líder da oposición local despois de que a rexedora mantivese unha reunión o martes cos conselleiros de Sanidade e Infraestruturas, Julio García Comesaña e Ethel Vázquez, respectivamente, para avanzar nunha solución para a mobilidade e os accesos ao hospital.

A principal conclusión deste encontro é que a Xunta propón ao Concello un novo convenio polo que este último debe achegar 3,5 millóns para a construción dun aparcadoiro integrado co edificio sanitario e, a cambio, comprométese a 'devolver' esa contía a través de investimentos na rede de abastecemento e saneamento do rural compostelán.

Neste contexto, o popular asegurou que, se el fose alcalde, "xa estaría en marcha" non só o aparcadoiro con 1.000 prazas "en altura" dentro do recinto hospitalario, senón tamén os "miles de metros cadrados de zonas verdes e peonís". Borja Verea acusa ao BNG de non ceder "nada" e de "manter paralizada esta solución" que suporía "a maior transformación" da zona da Choupana "dos últimos 25 anos".

"Non lles vale nada. Están rindose de todos os cidadáns. Estamos ante unha alcaldesa kamikaze e un BNG completamente radicalizado que está a xogar coa saúde de todos os composteláns por cálculo electoral", asegurou o portavoz municipal do PP, para acusar a Sanmartín de deixar á cidade "sen esta gran transformación por mendigarlle uns poucos votos" á candidata nacionalista nas eleccións autonómicas, Ana Pontón.

O PSDEG VE "FALTA DE TRANSPARENCIA"

Tamén se pronunciou respecto diso o portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Gonzalo Muíños, quen avoga por unha reunión entre todos os grupos representados no Concello para coñecer a nova proposta da Xunta. Así, cre que a alcaldesa "de novo opta pola soberbia e a falta de transparencia".

O líder do Grupo Socialista enviou a Sanmartín un escrito solicitando o borrador do convenio, aínda que a priori "non" lle parece "de recibo" que a Administración autonómica pretenda "cambiar as cartas na metade do xogo". "Non coñecemos o detalle, pero moito temémonos, que este trilerismo está motivado pola proximidade das eleccións autonómicas", asegura o portavoz do PSdeG.

Arquivo -. PP SANTIAGO - Arquivo
Arquivo -. PP SANTIAGO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta