Volve o festival co cartel máis segredo de Galicia: o SinSal celebrarase os días 26, 27 e 28 de xullo na illa de San Simón

O evento volverá ter un cartel secreto, que o público só descobre ao desembarcar.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 01/02/2024 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

O Festival Sinsal SON Estrela Galicia celebrará a súa nova edición na Illa de San Simón os días 26, 27 e 28 de xullo. O evento volverá ter un cartel secreto, que o público só descobre ao desembarcar. Segundo explican nun comunicado, o certame volverá ofrecer unha programación caracterizada "pola diversidade de estilos musicais e orixes de bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo o último fin de semana de xullo".

Cada ano, o festival ofrece a un público reducido (800 persoas ao día) a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea "máis estimulante" do momento "nun escenario excepcional": o arquipélago conformado polas illas San Simón e San Antón, un espazo declarado Ben de Interese Cultural. "Desde os seus inicios, Sinsal presentouse como unha iniciativa cultural para visualizar aos artistas próximos á creación contemporánea da escena galega e estatal, pero tamén con espazo para creadores do ámbito internacional", destacan.

A programación musical acompáñase, ademais, de numerosas actividades paralelas divulgativas "para dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón", ademais de propostas vinculadas á sustentabilidade ambiental e concienciación, ou da recuperación dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas na nomeada Escola Sinsal. En 2024, a programaión de Sinsal desenvolverase en cinco escenarios distribuídos noutros tantos puntos do arquipélago. Máis de 20 bandas e solistas de distintos estilos musicais e orixes actuarán nos palcos do festival pioneiro do cartel secreto.

Festival Sinsal 2022
Festival Sinsal 2022 | Fonte: FESTIVAL SINSAL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta