O Teatro Principal de Santiago acolle este fin de semana 'As Alumnas', de Paula Carballeira E Fina Calleja

As entradas custan 12 euros

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2024 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

A axenda escénica de Compostela Cultura no mes de febreiro ábrese coa obra teatral 'As Alumnas', de Culturactiva Producións, un espectáculo que se inclúe dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta e que conta con dúas funcións: o venres 2 e o sábado 3 ás 20,30 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Paula Carballeira recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 por este texto que chega agora ás táboas de Compostela baixo a dirección de Fina Calleja e no corpo e a voz de Anabell Gago e Mónica Camaño. A obra foi tamén recoñecida co Premio Follas Novas 2023 ao mellor libro de teatro e o Premio Luisa Villalta a proxectos pola igualdade.

'As Alumnas' profunda na figura da pedagoga galega María Barbeito e no enorme retroceso que o franquismo significou na educación da contorna estatal, especialmente para as mulleres. Os dous personaxes protagonistas, Rosa e Elvira, dúas antigas alumnas de María Barbeito que se volven a atopar tras a morte da mestra en 1970, representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, cuxas historias permiten analizar as transformacións sociais do momento.

"As Alumnas é un espectáculo sobre xustiza social, memoria histórica e sobre as mulleres como María Barbeito, que loitaron pola educación e a igualdade en Galicia. Esta obra é unha forma de devolverlles un pouco de todo o que nos deron", afirman desde Culturactiva Producións.

As entradas para o espectáculo, a un prezo de 12 euros (6 euros cos descontos para os colectivos habituais), pódense comprar na Zona C (de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas), na web de Compostela Cultura, ou no despacho de billetes do Teatro Principal (o día de cada función desde unha hora antes do seu inicio). Ao final do pase do venres 2, o equipo responsable do proxecto participará nun faladoiro co público asistente.

ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

Por outra banda, a concelleira de Xuventude de Santiago, María Rozas, continúa presentando os Orzamentos Participativos nos institutos de Santiago, en talleres formativos nos que están a participar centos de alumnos e alumnas do Ensino Secundario. Os talleres chegaron esta semana ao IES Rosalía de Castro e, nos próximos días, esta actividade desenvolverase tamén en varias facultades da USC, co obxectivo de animar á participación no proceso, no que se vai a decidir o destino de 100.000 euros para actividades do departamento.

Os talleres formativos sobre os Orzamentos Participativos 'Compostela Decide' celebráronse xa no IES Xelmírez I, Fontiñas, San Clemente, Pontepedriña, Sar e Rosalía de Castro. Neste último centro, María Rozas participou nunha das sesións, para animar aos mozos a participar, presentando primeiro as súas propostas e involucrándose despois no proceso de votación.

Teatro Principal en Santiago de Compostela
Teatro Principal en Santiago de Compostela | Fonte: Concello de Santiago

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta