Traballadores da sanidade privada da provincia da Coruña volven clamar ante o Sergas "por un convenio digno"

Irán á folga o vindeiro mércores 7 despois de que a patronal presentase táboas "inferiores ao SMI".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2024 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

Persoal da sanidade privada da provincia da Coruña concentrouse este luns fronte ao Sergas para demandarlle á Consellería de Sanidade que "interceda" ante a patronal, a Asociación de Centros de Asistencia Sanitaria da provincia, para "romper o bloqueo na negociación do convenio colectivo" e alcanzar "un convenio digno".

Segundo trasladou a CIG a través dun comunicado, representantes da plataforma sindical, conformada por Comisiones Obreras, UGT e a propia CIG rexistraron un escrito no que solicitan ser recibidos polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para poder trasladarlle a situación na que se atopan.

No escrito, a representación sindical explica que actualmente as negociacións atópanse "en puntos moi distantes", principalmente no relativo a xornadas, táboas salariais e complementos, onde a patronal "se nega a chegar aos mínimos reclamados polo sindicato", que pide a xornada media do sector no Estado e que as táboas partan do SMI, respectando a diferenza salarial entre categorías.

Tamén solicitaron a retirada da proposta de modificar a contía que se cobra actualmente polos trienios e da proposta de eliminar o pago do 100 % das retribucións en caso de Incapacidade Temporal. Dúas solicitudes ás que a patronal, segundo denuncia o sindicato, negouse na súa última reunión o pasado dous de febreiro, polo que a CIG "vese obrigada a acentuar a presión".

"SALARIOS POR BAIXO DO SMI"

Pola súa banda, o representante da CIG na negociación, Miguel Tizón, explicou que a patronal presentou na última reunión unha proposta que continúa incluíndo a baixada dos trienios, dos tres primeiros días de baixa e sen incluír o cobro dos domingos, "tres cuestiones ás que condicionaban o acordo".

Neste sentido, lembrou que os tres primeiros días de baixa, por norma, non se cobran, pero os traballadores da sanidade privada da Coruña "tiñan unha mellora do convenio de anos anteriores pola que cobraban o 100 % do salario e a patronal quere modificalo para que cobren o 50 % do salario". Ademais, Tizón denunciou as novas táboas salariais presentadas pola patronal "que non só non chegan ao actual SMI, non chegan nin ao SMI de 1999, nin aos 1.000 euros".

FOLGA O MÉRCORES 7

Debido a isto, os traballadores manterán a convocatoria da xornada de folga prevista para o vindeiro mércores 7 de febreiro, secundada por unha manifestación na cidade da Coruña, que sairá ás 18.30 horas da Praza de Ourense. O convenio afecta os establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análise clínica, e as empresas que forman parte da asociación patronal son as donas dos hospitais privados e as que teñen un acordo coa Consellería de Sanidade, polo que prestan servizo á sanidade púbica e "a precaria situación do persoal inflúe na prestación sanitaria destes centros". Así, advertiron que "é evidente que as medidas de presión que ven obrigados a levar a cabo inciden na actividade sanitaria concertada coa Consellería".

Persoal da sanidade privada da Coruña concéntrase fronte ao SERGAS
Persoal da sanidade privada da Coruña concéntrase fronte ao SERGAS | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta