Por que ninguén gañou o debate da CRTVG... ou porque todos dirán que gañaron?

Como dicía Catón "non perdas o tempo en discutir cos estúpidos e os falabaratos: a palabra téñena todos, o bo xuízo só uns poucos".

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2024 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

"Nunca poderás rebater a verdade, querido Agatón; rebaterlle a Sócrates non che será difícil". Era o propio filósofo grego quen retaba ao seu amigo, o poeta tráxico Agatón, a discutir para procurar a verdade. Pero, cal era a verdade? e, sobre todo, de quen era esa verdade?. Porque a verdade, ou o coñecemento verdadeiro, como tamén dicía Sócrates, era demostrar saber que non sabes nada.

Isabel Faraldo, Ana Pontón, Alfonso Rueda, José Ramón Besteiro e Marta Lois no debate electoral
Isabel Faraldo, Ana Pontón, Alfonso Rueda, José Ramón Besteiro e Marta Lois no debate electoral | Fonte: Álvaro Ballestero

 

E iso, quizais, foi o problema no debate da CRTVG deste luns, que algúns quixeron saber máis do que saben e confundiron o desencanto coa verdade, como fan os soñadores, e xa deixou tamén escrito o filósofo Jean Paul Sartre. Un debate non se gaña con cinco opoñentes nunha mesa. Tampouco se chega nunca a unha verdade porque cada un deles ten a súa propia verdade.

 

E "a verdade non está da parte de quen berre máis", como dicía o filósofo e escritor indio Rabindranath Tagore, nin "nunca se chega á verdade total, nin se está totalmente alonxado dela", como apuntaba Aristóteles. Por iso, mellor botar man dos consellos de Albert Einstein que sempre fixo das pequenas cousas, grandes feitos. "E se a intención é describir a verdade, faino con sinxeleza, a elegancia deixella mellor a un xastre", dixo.

 

Por iso, non gañou o debate quen entrou nel pensado que xa o tiña gañado, nin gañou o debate quen cre que ten a verdade absoluta, nin gañou o debate quen berrou ou interrumpiu máis ao contrincante. Tampouco gañou o debate o que utilizou argumentos peregrinos, nin o que sacou a escopeta de caza, nin o que pensou que por ser dunha condición ou xénero "a" ou "b" xa ten máis méritos para gañar o debate.

 

E HAI CATRO ANOS?

 

Hai catro anos, cando Feijóo aínda era presidente da Xunta e tamén se mediu nun debate con seis candidatos, saíu moito mellor daquela contenda do que saíu Rueda desta. E se o fixo foi porque evitou entrar nunha guerra de guerrillas. Gonzalo Caballero, entón candidato do PSdeG e que partía, con diferencia, como líder da oposición, creu que esa condición xa lle daba todos os galóns de ser a alternativa a Feijóo. E Pontón, que era a que menos escanos tiña na Cámara galega, saíu cun discurso fresco, atrevido, sen ataduras e, sobre todo, nada agresivo. Evitou tamén a guerra de guerrillas e ese discurso seu resultou atractivo. E, entón, como agora, todos presumiron de verdades, das súas verdadades pero algunhas resultaron moito máis aceptadas que outras.

 

Pero, "non basta con dicir só a verdade, convén tamén mostrar a causa da falsidade". Aristóteles, que como Platón e Sócrates tiña unha cita para todo, tamén resposta a algo tan básico como que se queres desmontar as mentiras do contrincante o mellor é mostrar as túas ideas con argumentos que se poidan sustentar, pero nunca caer no berro, no insulto ou no "e ti máis".  E en 2020 o terreo do debate non foi tan enlamado como o de 2024 no que semellou, en palabras do dramaturgo Bertol Brecht que "cando a verdade é demasiado débil para defenderse hai que pasar ao ataque". Por iso nin gañou Faraldo, nin Lois, nin gañou Besteiro e, tampouco gañou o debate Ana Pontón e Alfonso Rueda. 

 

OU SI GAÑARON...

 

Ou si, igual todo dirán que gañaron porque volvendo a Machado "a túa verdade non; a verdade/ e ven comigo a buscala./ A túa, gárdaaa". Gañou Faraldo porque conseguiu visibilizar a súa mensaxe en horario de máxima audiencia nunha campaña na que Podemos está moi silenciado. Gañou Marta Lois porque con pouco espazo electoral asumiu un rol semellante ao de Pontón hai catro anos cando partía en desvantaxe. Gañou Besteiro porque a pesar da debilidade do PSOE amosouse como un candidato tranquilo e solvente "conseguidor" en Madrid. Gañou Pontón porque é a única muller, con gran experiencia política, que pode aspirar á Presidencia da Xunta, ademais, coas enquisas a favor. E gañou Rueda porque, ao final, era el contra todos e ten os recursos e o apoio que non teñen o resto; o da Xunta e o dos principais medios de comunicación.

 

Por iso, igual viña a conto neste debate iso do que dicía Catón "non perdas o tempo en discutir cos estúpidos e os falabaratos: a palabra téñena todos, o bo xuízo só uns poucos". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Enorme erro da candidata a Presidenta foi mentar a Bicha con 15 anos de Retardo... Ninguén tiña na memoria aquela manifestación de Galicia Bilingüe do 8 de febrero de 2009, e vai a Señora Pontón e saca a relucir a foto de Rueda ! ¡Quen foi o "estúpido" que aconselleu resucitar a bandeira da lingua galega como estandarte político en Galicia! Aí o detabe deu a volta a apareceu a pantansa da inmersión lingüística... UPG UPG UPG !