Temas: FRASEOLOXíA

Fraseoloxismos galegos correspondentes ó castelán “¡menos lobos (, caperucita)!”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 11/02/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Cando unha persoa lle quere dar a entender a outra que o que esta última acaba de contar é ben esaxerado, ou que o que se vén de dicir é moi presuntuoso ou esaxerado, en castelán é moi habitual botar man do fraseoloxismo ¡menos lobos (, caperucita)!

Imaxe dun lobo alimentándose.. ADAM WAJRAK
Imaxe dun lobo alimentándose.. ADAM WAJRAK | Fonte: UNIVERSIDADE DE HUELVA

En galego, como imos comprobar a continuación, dispomos dunha ampla gama de secuencias fraseolóxicas que transmiten tamén ese mesmo significado.

¡Menos lobos (, caperucita)!

{= Expresión fraseolóxica con que unha persoa lle indica a outra que o que está a contar é moi esaxerado, ou que o se vén de dicir resulta moi presuntuoso ou esaxerado.}

¡Amodo, ho! && ¡Amodo!

¡Vaite, ho! && ¡Vaite!

¡Vai # Saca # Quita # Aparta de aí (, ho)!

¡Bota de aí (, ho)! && ¡Bota para alá (, ho)

¡Menos lobos (, ho)!

¡Sácalle # Quítalle lobos (, ho)!

¡Para o carro (, ho)!

¡Aparta, laxa, que te fendo (, ho)!

¡Aparta, pena, que te fendo (, ho)!

¡Fuxe, laxa, que te parto (, ho)!

¡Fuxe, laxa, que te esfarelo (, ho)!

¡Xente ás leiras (, ho)!

¡Xente ás leiras e camións ás toxeiras (, ho)!

[E MAIS]:

¡Cea os bois (, ho)!

¡Cea o carro (, ho)!

¡Mételle o freo (, ho)!

¡Achégalle as galgas (, ho)!

Ex.: —Con entrenar un poco, en menos de un mes te digo yo que supero los nueve metros en salto de longitud. —¡¿Pero qué dices, chaval!? ¡Menos lobos, caperucita!

—Con adestrar un pouco, en menos dun mes dígoche eu que supero os nove metros en salto de lonxitude. —¡Amodo, ho! ¡¿¿Pero ti que dis, meu!? ¡Vaite, ho! ¡¿Pero ti que dis, meu?! ¡Aparta de aí, ho! ¡¿Pero ti que dis, meu?! ¡Para o carro, ho! ¡¿Pero ti que dis, meu?! ¡Aparta, laxa, que te fendo! ¡¿Pero ti que dis, meu?! ¡Xente ás leiras! ¡¿Pero ti que dis, meu?! ¡Quítalle lobos, ho! ¡¿Pero ti que dis, meu?! ¡Cea os bois, ho! ¡¿Pero ti que dis, meu?!  ¡Cea o carro, ho! ¡¿Pero ti que dis, meu?! ¡Mételle o freo, ho! ¡¿Pero ti que dis, meu?!

● Tamén:

¡Sácalle # Quítalle toros ó congro (, ho)! && ¡Sácalle # Quítalle quilos á faneca (, ho)! && ¡Sácalle # Quítalle gas (, ho)! && ¡Aparta, mundo, que te afundo (, ho)! && [E MAIS:] ¡¿E non será moito (, curmán # veciño # amigo # paisano # llou # chó # choni # meu irmán...)?!

Ex.: —Con adestrar un pouco, en menos dun mes dígoche eu que supero os nove metros en salto de lonxitude. —¡Sácalle toros ó congro, ho! ¡¿¿Pero ti que dis, meu!? ¡Quítalle quilos á faneca! ¡¿Pero ti que dis, meu?! ¡Quítalle gas, ho! ¡¿Pero ti que dis, meu?! ¡¿E non será moito, llou?!

● E mais tamén:

¡Abre, Marica, a porta (, que non cabe dentro)! && ¡Ala, María, que chove! && ¡A lúa está no couce! && (Si,) É coma un brazo e medra && [E MAIS, BASICAMENTE ASOCIADAS A CONTEXTOS COMUNICATIVOS INDA MÁIS FAMILIARES E COLOQUIAIS:] ¡Pasa, can! && ¡Pasa, can, que me poño tolo! && ¡Non cagues lampanas (, ho)!

Ex.: —Con adestrar un pouco, en menos dun mes dígoche eu que supero os nove metros en salto de lonxitude. —¡Abre, Marica, a porta (, que non cabe dentro)! ¡¿¿Pero ti que dis, meu!? ¡Ala, María, que chove! ¡¿Pero ti que dis, meu?! Si, é coma un brazo e medra. ¡¿Pero ti que dis, meu?! ¡Pasa, can! ¡¿Pero ti que dis, meu?! ¡Non cagues lampanas, ho! ¡¿Pero ti que dis, meu?!

● E tamén:

¡Ya será menos!

¡Tanto non ha ser # non será # non sería (, ho)! && ¡Xa ha (de) ser menos (, ho)! && ¡Xa será menos (, ho)! && [EXPRESIÓNS ESTAS QUE SE PODEN COMPLEMENTAR CO FRASEOLOXISMO SEGUINTE, QUE INDICA QUE SE ESTÁ A ESAXERAR MOITO, BEN POR EXCESO, BEN POR DEFECTO]: Non deixes o raposo sen rabo

Ex.: —Con adestrar un pouco, en menos dun mes dígoche eu que supero os nove metros en salto de lonxitude. —¡Tanto non ha ser, ho! (Non deixes o raposo sen rabo) ¡Xa ha (de) ser menos, ho! (Non deixes o raposo sen rabo)

● E inda tamén, en ámbitos de uso moi coloquiais e nun rexistro incluso vulgar, como fórmula que se emprega ante alguén que presume moito de algo que consideramos que non é certo:

Todos os cans mexan á parede (, non sendo o meu, que inda non levanta a pata)

Ex.: —Con adestrar un pouco, en menos dun mes dígoche eu que supero os nove metros en salto de lonxitude. —Todos os cans mexan á parede (, menos o meu, que inda non levanta a pata)

NOTAS:

1. Basicamente, e nos máis dos contextos, estas expresións son trocables coas correspondentes á secuencia fraseolóxicas castelá ¡no te tires de la moto!, que abordaremos na vindeira entrega, e mesmo tamén coas que no seu día veremos como equivalentes á castelá ¡anda ya!

2. Recordemos que a interxección ¡ho! tamén podería ser grafada como ¡ó!

En relación, así mesmo, con esta interxección, cómpre dicir que o fraseoloxismo ¡vaite, ho! sempre foi recollido oralmente coa pronuncia que se viría a corresponder coa secuencia ortográfica “¡vaitó!” (pronunciado con “o” aberto, e probablemente algo máis longo ou extenso na súa emisión do que temos por normal).

Do mesmo xeito, ¡amodo, ho! normalmente é pronunciado como “¡amodó!” (tamén con “o” aberto e probablemente algo máis longo ou extenso na súa emisión do que temos por normal).

3. Polo que atangue a algún do léxico presente nestes fraseoloxismos, é de salientar que cear (nas secuencias referentes a cear os bois ou cear o carro) denota facer retroceder, facer ir cara a atrás, e que as galgas fan referencia ó freo do carro tradicional.

E tamén que a voz toro (que se pronuncia con “o” pechado) presenta, en ¡quítalle toros ó congro!, o significado de “porción circular de peixe”.

4. Pola súa banda, o fraseoloxismo ¡aparta, laxa, que te fendo! pode ir complementado coa oración ponte, palleiro de palla:

¡Aparta, laxa, que te fendo. Ponte, palleiro de palla!

Inda que non temos constancia real e efectiva ó respecto, supomos que este mesmo complemento de “Ponte, palleiro de palla” tamén será susceptible de se lles engadir ós fraseoloxismos ¡fuxe, laxa, que te parto! e mais ¡fuxe, laxa que te esfarelo!, na medida en que todos eles parecen beber dun conto popular no que un raposo que estaba a caer dunha altura moi grande observou que ía bater xusto enriba dunha laxa (no seu sentido de pena ou pedra de grandes dimensións), co cal proferiu, mentres caía, esta expresión, metade bravata, metade desexo: “¡Aparta, laxa, que te fendo. Ponte, palleiro de palla!”

5. O fraseoloxismo ¡aparta, mundo, que te afundo!, tirado do traballo “108 fórmulas galegas”, de Ramón Anxo Martín Seixo, rexístrase no dito traballo cun significado que non se corresponde exactamente –inda que garda certa relación– co que aquí estamos a tratar, mais entendemos que, na mesma liña ca expresións do tipo ¡aparta, laxa, que te fendo! (expresión esta que persoalmente teño de meu), tamén sería susceptible de se utilizar nos contextos obxecto deste artigo. En concreto, velaquí o que se di en “108 fórmulas galegas”:

«Dise a quen vai moi finchado e decidido, como se fose “comer o mundo”. Tamén se pode dicir a unha persoa que pasa por outra sen moita consideración, case atropelándoa.»

6. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 3”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 199-210. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- Fraseoloxía Carcamana. Dentro do blog Historia e historias da Arousa.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.

- Groba Bouza, Fernando: “A cabalo regalado non se lle mira o dente. Compilación da fraseoloxía equina galega actual”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 317-372. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “108 fórmulas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 235-246. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María Rosario: “Novas catas no campo nocional dos peixes e outros animais mariños”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 97-123. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 GALEG-ON

Eu emprego, de ter recollido nalgunhas zonas de Galicia, QUÍTALLE ALGO!

1 Xosé A. Pena

Efectivamente é outra posibilidade. Xa teño comentado que aquí unicamente se fornecen opcións fraseolóxicas en galego, mais sen intención (era boa!) de esgotar todo o elenco de que dispomos.