Confrarías pontevedresas tachan de "burla ao sector" as cotas de captura de especies como o abadexo e a raia mosaico

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra considera "irresponsables" as resolucións do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre a xestión das posibilidades de captura destas especies.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 12/02/2024 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra tachou de "burla ao sector" e de "irresponsables" as resolucións do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre a xestión das posibilidades de captura de especies como o abadexo e a raia mosaico. Nun comunicado, a asociación explicou que na zona 9A, de Fisterra cara ao sur, para a raia mosaico, que disporá dunha cota de 25 toneladas en 2024, establecéronse uns topes de capturas accesorias de 10 quilos por barco ao día para a modalidade de artes menores, á parte do peche preventivo que imporá a Secretaría Xeral de Pesca entre os meses de marzo e novembro de 2024.

No caso do abadexo, disporase dunha cota de 113,8 toneladas en 2024, e as capturas realizadas por artes menores non poderán superar os 5 quilos por barco ao día. A pesar disto, a Federación Provincial presentou escritos de observacións, solicitando que, para unha mellor autoxestión das "irrisorias" cotas, deberíanse precisar que os topes de captura na modalidade de artes menores fosen establecidos a razón de 100 quilos por buque ao mes.

Adicionalmente, no caso da raia, poderíase levar a cabo un peche precautorio, dependendo da evolución dos datos de consumo, co obxectivo de reservar a cota para os últimos meses da campaña e obter así mellor rendibilidade. "Finalmente, estas puntualizacións do sector non foron en absoluto consideradas pola Secretaría Xeral de Pesca, manténdose nas resolucións os absurdos e á vez insensatos topes de capturas para o abadexo e a raia mosaico", criticaron desde as confrarías pontevedresas.

Unha determinación "irresponsable" que vinculan ás "nefastas" negociacións do Goberno co Consello de Ministerios de Pesca da Unión Europea de decembro, nas que "sempre priman as políticas ambientais sobre a subsistencia das comunidades pesqueiras". Isto trae como resultado, a xuízo da Federación, unhas posibilidades de pesca "ridículas" e uns topes "indignos" para unha frota de pesca artesanal "que depende economicamente de especies obxectivo como o abadexo".

Manuel Rey Perol, co abadexo de case oito quilos pescado na ría de Muros Noia
Manuel Rey Perol, co abadexo de case oito quilos pescado na ría de Muros Noia | Fonte: remitida - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta