Mar estuda a posibilidade e empregar a figura de fixo-descontinuo nos labores de rexeneración dos bancos marisqueiros

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2024 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar prepara un informe xurídico co obxectivo de propor a modificación dos requisitos que rexen as prestacións por cesamento de actividade para que sexa compatible cos labores de rexeneración e mellora dos bancos marisqueiros. Igualmente, ten previsto estudar a posibilidade de empregar a figura de fixo-descontinuo para estes profesionais, xa que se adecuaría mellor á organización do traballo recolleita nos plans de xestión, o que facilitaría unha mellor cobertura social para estes traballadores, indica.

Esta é unha das cuestións que expuxo o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na reunión con representantes das confrarías para avaliar o plan de acción posto en marcha a comezos deste ano, que recolle entre outras cuestións as axudas extraordinarias ao marisqueo, as dirixidas aos depósitos e as axudas pola parada temporal, que suman 15 millóns de euros. Na reunión, expuxéronse as actuacións realizadas ata o momento pola Consellería do Mar no marco do Plan de Competitividade e Sustentabilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2025, dotado con 123 millóns de euros.

A Xunta remarca que xa foron postas en marcha as accións comprometidas para o primeiro semestre deste ano coa activación das axudas extraordinarias ao marisqueo, xa activadas, así como a elaboración das axudas extraordinarias para as confrarías para o seu "inminente despregamento" e os apoios por cesamento temporal da actividade, cuxo borrador se ultima coas achegas do propio sector.

O conselleiro tamén subliña que a Xunta traballa no reforzo doutras medidas como a definición e inicio dos traballos de rexeneración dos bancos danados ou non produtivos mediante accións das entidades asociativas ou con execución propia da Consellería do Mar, cun aumento dun 150 % das contías dedicadas a estes traballos respecto de 2023.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, mantén un encontro cos representantes das federacións de confrarías
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, mantén un encontro cos representantes das federacións de confrarías | Fonte: CONCHI PAZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta