Sanidade compensará os gastos de desprazamento e manutención por traslados de pacientes sen medios ordinarios

As solicitudes destas axudas, das que tamén se poden beneficiar acompañantes dos doentes, presentaranse no prazo dun ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 16/02/2024 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a orde da Consellería de Sanidade que regula o procedemento para compensar gastos de desprazamento, aloxamento e manutención a aqueles pacientes que deben ser trasladados por motivos diagnósticos ou terapéuticos, pero sen empregar medios ordinarios do sistema sanitario como a ambulancia.

Segundo destaca a Xunta, a orde (que entra en vigor este sábado) actualiza as contías e amplíanse os supostos compensables, xa que antes non se incluía nin a hospedaxe nin a manutención. Tamén se contemplan as axudas para un acompañante dos doentes. Terán dereito á subvención as persoas usuarias que dispoñan de cartón sanitario do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e que autorizasen o desprazamento a outro centro sanitario con fins asistenciais por criterio médico.

Deste xeito, compensaranse, segundo os supostos previstos: por unha banda, os gastos por desprazamentos que se produzan por diagnóstico ou tratamento dentro da área sanitaria e, por outro, os ocasionados por desprazamento, mantemento e aloxamento que se produzan por diagnóstico ou tratamento fóra da área sanitaria, de Galicia ou de España. O prazo de presentación de solicitudes, que se farán na sede electrónica da Xunta, será dun ano a partir do desprazamento e dirixirase á Xerencia da área Sanitaria de referencia.

Edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, Santiago de Compostela
Edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta