Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2024 | Actualizada ás 10:43
A canle 'OU ké!' e as youtubers 'Recuncho Gamer' e 'O Faiado Podcast' foron os gañadores dos premios Yotubeiras 2023 nas categorías de mellor canle de Youtube, Youtubeira e de Youtubeira Revelación. En canto ao premio da categoría Vídeo distinguiu á peza 'Unha fin de semana en Londres' da canle 'Todomalva GZ', o premio Calidade Lingüística alzouno 'olaxonmario' e o da categoría Pioneiro recaeu en 'FicaCoabola'.
Ademais, o premio Rede foi para 'Youtube en Galego' e, finalmente, o galardón do público recalou en 'Savia Nova' polo vídeo 'De Galicia a Namibia estudando guepardos'. A gala, que se celebrou este sábado no Teatro Principal de Santiago, estivo conducida por Nuria Vil e Gabri Fontes e asistiu a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín. Desta forma, entregáronse oito galardóns, todos eles cunha dotación económica de 1.000 euros, salvo o premio do público que recibe 500 euros.
Este ano aspiraron aos premios 18 canles finalistas e nesta edición, na que participaron vídeos subidos entre novembro de 2022 e novembro de 2023, presentáronse 68 canles diferentes. Con todo, a esa cifra hai que sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia mediante redes sociais, polo que, en cómputo xeral, todos os vídeos subidos nese período polas 68 canles representan máis de 32.400 minutos en galego en Youtube.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.