Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 12/10/2025 | Actualizada ás 12:00
Para expresar que alguén vive sen traballar (ou, cando menos, sen traballar ou render un mínimo esixible) e á conta ou a expensas doutro(s), en castelán é moi recorrente dicir que ese alguén anda, está ou vive a la sopa boba.
Vexamos algúns xeitos de dicir o mesmo en galego:
Andar # Estar # Vivir... a la sopa boba
{= Vivir folgando ou non traballando –ou, cando menos, non traballando ou non rendendo un mínimo esixible– e á conta doutra persoa ou persoas.}
Comer [Andar # Estar # Vivir...] a pan sabido
Andar # Estar # Vivir... á chupa
Andar # Estar # Vivir... á lapa
Andar # Estar # Vivir... á moina
Andar # Estar # Vivir... á cazola prestada
Andar # Estar # Vivir... ós caldos feitos
Ex.: Al cumplir los dieciocho años los padres le dijeron que o bien a estudiar o a bien buscarse la vida de algún modo honrado, pero que nada de vivir a la sopa boba con ellos.
Ó facer os dezaoito anos os pais dixéronlle que ou ben a estudar ou ben a buscar por vida dalgún xeito honrado, pero que nada de comer a pan sabido ‡ de vivir á chupa ‡ de vivir á lapa ‡ de vivir á moina ‡ de vivir á cazola prestada ‡ de vivir ós caldos feitos con eles.
Ex.: Al ver que era su último año de contrato y que nadie le iba a fichar para seguir viviendo a la sopa boba, se puso las pilas y empezó a darlo todo en los entrenamientos para poder jugar.
Ó ver que era o seu último ano de contrato e que ninguén o ía fichar para seguir vivindo a pan sabido ‡ á chupa ‡ á lapa ‡ á moina ‡ á cazola prestada ‡ ós caldos feitos, púxose a andar e empezou a o dar todo nos adestramentos para poder xogar.
● Tamén:
Vivir de motolito && Campar de golondro
Andar # Estar # Vivir... de manga && Comer # Vivir da ola grande && Andar # Estar # Vivir... de belinxín
Ex.: Ó facer os dezaoito anos os pais dixéronlle que ou ben a estudar ou ben a buscar por vida dalgún xeito honrado, pero que nada de vivir de manga ‡ de comer da ola grande ‡ de andar de belixín con eles.
Ex.: Ó ver que era o seu último ano de contrato e que ninguén o ía fichar para seguir vivindo de manga ‡ da ola grande ‡ de belinxín, púxose a andar e empezou a o dar todo nos adestramentos para poder xogar.
● E mesmo tamén:
(Andar a # Estar a # Vivir a...) Rañar a piolla && (Andar a # Estar a # Vivir a...) Folgar e criar touciño á conta doutros && (Andar a # Estar a # Vivir a...) Roncar a gusto á conta da boa barba && (Andar a # Estar a # Vivir a...) Roncar moito da boa barba
Ex.: Ó facer os dezaoito anos os pais dixéronlle que ou ben a estudar ou ben a buscar por vida dalgún xeito honrado, pero que nada de rañar a piolla con eles [de andar rañando a piolla con eles] ‡ de folgar e a criar touciño á conta doutros [de estar a folgar e a criar touciño á conta doutros] ‡ de roncar a gusto á conta da boa barba con eles.
Ex.: Ó ver que era o seu último ano de contrato e que ninguén o ía fichar para seguir rañando a piolla ‡ folgando e criando touciño á conta doutros ‡ roncando a gusto á conta da boa barba, púxose a andar e empezou a o dar todo nos adestramentos para poder xogar.
NOTAS:
1. A voz belinxín está tirada do traballo “Rabusco”, de Xulio Cuns Lousa, no que se di que se aplica a “quen non traballa e vive á conta doutros”.
2. As paremias galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.
- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Soto Arias, María Rosario: “Novas catas no campo nocional dos peixes e outros animais mariños”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 97-123. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario Gallego-castellano publicado en 1884 por D. M. Valladares Núñez. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.