Temas: FRASEOLOXíA

“Buscar por vida”, equivalente, entre outras, á castelá “buscarse la vida” (1ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 04/10/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

*Buscarse a vida: velaquí unha desas expresións tan e tan introducidas en moitas persoas galegofalantes que xa nin se detecta como espuria, inda que a súa estrutura sintáctica claramente nos amosa que é así, na medida en que o galego –ao menos, o galego tradicional– rexeita as construcións reflexivas indirectas (véxase, ó respecto, a nota 1 do artigo ¡Vaites + substantivo!” ou “¡Vaia + substantivo!”, en troques de “¡Menudo/a + substantivo!, na que se explica un pouco este fenómeno lingüístico).

Traballador fai probas cun 'exoesqueleto' no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).. CTAG
Traballador fai probas cun 'exoesqueleto' no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).. CTAG

E é que, en realidade, non temos falta ningunha de acudir ó calco do castelán para dar conta das dúas significacións que presenta a dita expresión, xa que temos secuencias expresivas de noso que cobren eses significados, como imos ver neste e mais no vindeiro artigo.

Buscarse la vida

{= Buscar alguén os medios para subsistir ou para asegurar a súa subsistencia nun futuro, e mesmo tamén planear a vida segundo a súa propia conveniencia ou interese.}

Buscar por vida

Facer por vida

Facer pola vida

Mirar por vida

[E MESMO TAMÉN]:

Buscar a vida

Ex.: A los quince años tuvo que emigrar a Alemania a buscarse la vida.

Ós quince anos tivo que emigrar a Alemaña a buscar por vida a facer por vida a facer pola vida a mirar por vida.

● E tamén, en bastantes contextos:

Ganarse la vida

Ganar # Gañar a vida

NOTAS:

1. Cómpre indicar que en castelán tamén son correctas, e presentando este mesmo significado, as expresións buscar la vida e ganar la vida, tal e como reflexa o Diccionario de la Real Academia Española (DRAE), inda que probablemente sexan menos usadas –cando menos no castelán de España– cás correspondentes expresións coa reflexiva indirecta.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta