Así evolucionou o voto das urbes galegas nos últimos 20 anos

Os populares manteñense aínda que van perdendo paseniñamente papeletas urbanas. O BNG é o que máis sobe, tras o paso de AGE e as mareas, e o PSdeG desfondase. En Vigo, o BNG consegue un histórico primeiro posto.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2024 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

O Partido popular é primeira forza en seis das sete cidades galegas nas eleccións autonómicas deste 18 de febreiro, na que os populares repetiron a súa maioría absoluta (cunha baixada de 42 a 40 escanos) con respecto ao 2020. Só en Vigo non consegue estar na cabeza, onde o BNG se converte na formación máis votada nesta cidade feudo do socialista de Abel Caballero, que goberna desde 2007.

Precisamente na cidade olívica, en Vigo, cidade máis poboada de Galicia, co 100% escrutado, o Bloque pasa de ser terceira forza en 2020 a ter o resultado histórico de máis votado. Crece en máis de 25.000 sufraxios e alcanza os 56.820, cun 37% dos apoios (aumenta en case 14 puntos respecto de fai catro anos). O PP cae ao segundo posto a pesar de gañar case 10.000 papeletas máis, cun total de 54.010, e elevarse en 2,7 puntos (supera o 35%). O PSdeG esborrállase 13 puntos (baixa ao 20%) e perde neste catro anos 12.580 votos. 

A Coruña, segunda cidade en poboación, repítese a orde de 2020: PP é primeira forza, seguida de Bloque e PSdeG. No entanto, o Bloque é a única que sobe tanto en votos (uns 15.000 máis, ata 42.775) como en porcentaxe de apoio (+8,80 puntos, no 33,3%). Os populares soben en máis de 5.000 sufraxios, cun total de 57.558, pero perde 1,5 puntos (44,7%). O PSdeG, que goberna aquí con Inés Rey como alcaldesa, déixase 1.735 apoios, o que supón 3,5 puntos menos (14,6%).

En Ourense, o PP tamén está na cabeza, con preto de 500 votos máis (22.520), aínda que retrocede en 6,5 puntos (39,3%). O Bloque elévase a 15.737 votos, máis de 4.000 á alza (+3,7 puntos, 27,4%). Nestes comicios o PSdeG queda de cuarto con 6.928 (son 9 puntos menos, o 12%), cando irrompe por primeira vez Democracia Ourensá no Parlamento (Gonzalo Pérez Jácome é o alcalde nas Burgas), cunha acta para Armando Ojea, con 10.236 apoios (o 17,8%). 

Evolución histórica dos gañadores nas eleccións galegas concello a concello
Evolución histórica dos gañadores nas eleccións galegas concello a concello

En Santiago, o PP continúa como primeira forza nas autonómicas que se mantén desde os comicios do 2005. Gana máis de 2.200 votos (en comparación co 2020), aínda que cae en 2,2 puntos (45,6%). Na capital de Galicia, onde hai alcaldesa do BNG (Goretti Sanmartín), o Bloque ascende en máis de 6.700 votos e avanza en 8,4 puntos (37%), así consolídase como a segunda forza máis votada. En cambio, o PSdeG baixa en 741 votos e 3 puntos (11,30%), 

En Lugo, o PP mantense na cabeza ao cultivar case 4.000 papeletas máis (26.531), con lixeiro retroceso relativo (-0,70%, queda no 50,2%). Séguelle o Bloque, cuns 3.600 votos máis (14.024, e tres puntos máis, ata o 26,5%). Nesta cidade gobernada polos socialistas, na cal Lara Méndez deixou recentemente de ser alcaldesa para dar o salto ás listas autonómicas, o PSdeG gaña 1.778 votos, un 0,59% máis (18,10%). 

En Pontevedra, os populares crecen en 3.372 votos, son 1,5 puntos máis (45%) que nos comicios anteriores. Tamén crece o Bloque, formación que goberna esta cidade co nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, con 4.854 votos máis, ata un global de 15.571 (+7 puntos, 34,5%). Os socialistas afúndense en máis dun milleiro de votos, cun total de 6.256 (-5,35 puntos, o 13,84%). Na cuarta praza queda Sumar con 1.046 cando no 2020 estaba Podemos-EU-Anova con 1.405.

En Ferrol, os populares --gobernan con José Manuel Rey-- obteñen 14.369 votos, 468 máis que catro anos antes, pero 0,66 puntos menos sobre o total (44,63%). O BNG queda rozando os 10.000 (6.593 en 2020), un 9,2% máis (30,7%). En contraposición, os socialistas déixanse máis dun milleiro de sufraxios (4.971), cunha caída de 4,4 puntos (15,4%). 

En conclusión en comparación coas eleccións do 2020, Sumar é cuarta forza e Vox é quinta en cinco do sete cidades (Vigo, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Ferrol). Vox só consegue obter o cuarto posto en Lugo, aínda que perde votos, con Sumar neste caso en quinta posición. En Ourense, Vox ocupa o quinto lugar e Sumar o sexto. Pola súa banda, Pacma queda por encima de Podemos nas sete cidades.

COMPARATIVA COMICIOS ANTERIORES DESDE 2005

En Vigo, o PP desde os comicios de 2005 ocupaba o primeiro posto, de aí a sorpresa nestas eleccións por parte do Bloque, que estivo entre a terceira e cuarta posición nas citas electorais anteriores. O PSdeG xa no 2016 perdera a segunda posición coa incursión de En Marea e no 2020 volvía consolidarse na súa plaza (o PP tiña 44.064 votos, polos 43.332 do PSdeG). 

En A Coruña, se comparamos desde os comicios do 2005, nese ano o PSdeG estaba por diante do PP e xa desde as eleccións de 2009, o PP afianzouse na primeira opción, o BNG conseguiu estar entre os tres máis votados nos comicios de 2005 e 2009, pero foi en 2012 e 2016 cando pasou a ser a cuarta forza (por diante tiña a AGE e En Marea). Aínda así desde o 2020, consolídase como segunda opción na cidade. A cuarto partido máis votado no 2020 era Podemos-EU-Anova con 6.498 e nesta ocasión sitúase Sumar con 3.181 votos.

En Ourense, os nacionalistas desde os comicios de 2005 foron gañando forza, mentres que os socialistas ían perdendo en detrimento de En Marea (segunza forza máis votada no 2016) ou Podemos-EU-Anova (cuarta forza no 2020). Nos comicios de 2005, DO tiña 276 votos e foi subindo nas eleccións de 2009 (729 votos); 2012 (3.195), 2016 (5.382) ata a marca deste 2024 (10.236). 

En Santiago, os socialistas levan desde os comicios do 2012 situándose como terceira forza (no 2012 por detrás de AGE, en 2016 por detrás de En Marea, e xa nos anteriores co Bloque por diante). Como cuarto partido sitúase Sumar con 1.401 votos, posición que no 2020 ocupaba Podemos-EU-Anova con 2.435. De quinto queda VOX que sube lixeiramente en comparación co 2020 con 922 votos (dos 806 obtivos das pasadas eleccións). Os populares lideraron todas as citas electorais na capital desde o 2005. 

En Lugo, desde o 2005, o PP mantense no máis alto e o segundo posto desde os comicios de 2016 xa mudou do PSdeG a En Marea (2016), ao BNG (2020), que repite neste 2024, situando aos socialistas como terceira forza máis votada. Chama a atención o aumento de Vox na cidade da muralla que xa no 2020 se situou como cuarto partido e revalidou nestas eleccións, pero con menos votos e máis participación (11, 47 por riba da de 2020). 

En Pontevedra, desde os comicios de 2005, o PSdeG foi perdendo forza na cidade, en 2005 foi segunda forza con 15.992 votos e xa nas eleccións de 2012 baixaba case á metade con 7.770 votos; no 2016 perdeu a segunda praza en detrimento de En Marea e nas pasadas eleccións de 2020 quedaba de novo terceiro despois dos nacionalistas. Os populares manteñen o liderato desde aquelas e o Bloque soi subindo comicios tras comicios ata batir marcas con estes 15.571 votos. 

En Ferrol, desde os comicios de 2005, o PP sempre foi a forza máis votada e o PSdeG perdeu xa a segunda posición desde o 2016 e non volveu recuperala. A cuarta forza máis votada foi Sumar con 1.333 votos e no 2020 ocupara dito lugar Podemos-EU-Anova con 2. 382. Os nacionalistas foron gañando votos desde a cita coas unas do 2016 pasando de 2.356 votos aos 9.883. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta