A Xunta anuncia que actuará de urxencia nas humidades do Panteón de Galegos Ilustres

Actuará máis concretamente ás humidades que afectan á tumba de Alfonso Castelao.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2024 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia actuará de urxencia para frear as humidades que afectan o Panteón de Galegos Ilustres e máis concretamente á tumba de Alfonso Castelao.

Así o anunciou este xoves o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, que visitou esta tarde o convento de Santo Domingos de Bonaval para ver de primeira man o seu estado e os danos provocados pola entrada de auga das últimas choivas. Xunto a el estiveron, entre outros, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a concelleira de Capital Cultural de Santiago, Miriam Louzao.

"Este espazo no que descansan algúns dos nosos antepasados máis ilustres é un das principais iconas de Galicia xunto co himno, a bandeira e o escudo", reivindicou o conselleiro.

Nesta mesma liña, insistiu na "obrigación" por parte de todos de "garantir a súa conservación como símbolo do progreso do pobo galego e de honra á memoria das persoas que máis contribuíron a reafirmar a identidade de Galicia".

Para iso, e por mor dos últimos temporais, o Goberno galego levará a cabo unha actuación de urxencia para frear a deterioración que afecta o monumento no que se atopan os restos de galegos como Rosalía de Castro, Alfredo Brañas e Ramón Cabanillas, ademais de Castelao.

A tumba do debuxante é unha das máis afectadas, cunha pingueira que se coa desde as tellas da cuberta. Esta filtración súmase ademais á "enorme" humidade que se rexistra dentro do templo e que permite a aparición de brión ao redor de xanelas e nalgunhas das paredes do convento.

Esta actuación levará a cabo "á espera" dun plan integral de rehabilitación liderado polo Consorcio de Santiago de Compostela e non se inclúe dentro da Lei do Panteón de Galegos Ilustres, aprobada en xullo de 2023.

Esta norma, que continúa "en desenvolvemento", foi aprobada por unanimidade co respaldo de diferentes institucións e entidades e contempla a creación da Fundación Pantón de Galegos Ilustres. Será unha entidade presidida polo Parlamento de Galicia e que contará coa participación da Xunta, o Concello e a Arquidiocese.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visita o Panteón dos Galegos Ilustres, en Santiago, para revisar o estado do edificio polas humidades. XUNTA DE GALICIA
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visita o Panteón dos Galegos Ilustres, en Santiago, para revisar o estado do edificio polas humidades. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta