O DOG publica a relación de aspirantes para o concurso oposición de médico de familia de atención primaria

Na web do Sergas poden consultarse as 604 persoas admitidas no proceso para obter unha das 271 prazas ofertadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2024 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG), na súa edición deste luns, publicou a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas pola que se declaran, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas no concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico de familia de atención primaria.

Así, na web do Sergas poden consultarse as 604 persoas admitidas no proceso para obter unha das 271 prazas ofertadas. Delas, 126 son de acceso libre; 132, de promoción interna; e 13 están reservadas para profesionais con discapacidade xeral. Neste proceso selectivo, o 77 por cento das persoas son mulleres e o 23 por cento homes. As 271 prazas súmanse ás 42 para médicos de atención primaria que xa foron nomeados persoal estatuario fixo e adxudicatarios de destino definitivo o pasado 29 de xaneiro de 2024, dentro do proceso de estabilización.

O Sergas tamén subliña a adxudicación de destino definitivo realizada o 26 de xaneiro para a incorporación en atención primaria en 72 prazas da categoría de facultativo especialista de atención primaria en postos de difícil cobertura, coa finalidade de diminuír o déficit de persoal médico en atención primaria.

RECLAMACIÓNS E SUXESTIÓNS

As persoas aspirantes excluídas, as declaradas non exentas da realización do exercicio de galego e as que presentasen a súa solicitude pero non consten na relación publicada disporán dun prazo de dez días hábiles, contados desde este martes, para poder emendar, de ser o caso, o defecto correspondente mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación á que se dirixiu a instancia de participación. O prazo finaliza, pois, o 18 de marzo.

O Sergas habilitou unha dirección de correo electrónico no que as persoas aspirantes poden dirixir as súas dúbidas e consultas: oposicions@sergas.es, que non terán consideración de reclamación. Este martes día 5 publicarase a data e hora dos exercicios da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario licenciado sanitario, que serán o 16 de marzo de marzo de 2024 no recinto feiral de Silleda distribuídos en xornada de mañá e tarde.

Oposicións á Xunta no recinto de Amio, en Santiago de Compostela
Oposicións á Xunta no recinto de Amio, en Santiago de Compostela | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta