O Álbum de Galicia incorpora ao colectivo María Castaña polo seu labor de visibilización das mulleres na historia

A orixe da Colectivo María Castaña sitúase no IES Santiago de Compostela no inicio do curso académico 1991-1992.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2024 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

A Colectivo María Castaña, integrado por seis profesoras de ensino medio e que entre 1991 e 2001 realizou un importante labor de visibilización das mulleres na historia, incorporouse ao Álbum de Galicia promovido polo Consello da Cultura Galega.

Trátase dun "traballo común, que supuxo unha importante contribución e un avance para o ensino", así como na procura "dun mundo máis xusto, igualitario e crítico", no que se eliminase "a visión androcéntrica e patriarcal da historia da humanidade e de todas as súas manifestacións", tal e como indica Guillermina Domínguez Touriño, integrante do colectivo e autora da entrada que se incorpora á colección dixital de biografías do CCG.

A orixe da Colectivo María Castaña sitúase no IES Santiago de Compostela no inicio do curso académico 1991-1992. Nese momento, a docentes María do Carme Alvariño Alejandro, Mercedes González González e Guillermina Domínguez Touriño, que se acababa de incorporar ao persoal de profesorado do centro, puxeron en marcha un proxecto para revisar co alumnado do último curso da ESO e de primeiro de bacharelato a prostitución das mulleres a través de textos históricos e historiográficos.

"Tratábase de visibilizalas, de dar a coñecer o sometemento e as discriminacións das que sempre foron obxecto simplemente polo feito de ser mulleres, de discutir o patriarcado, o androcentrismo e o sexismo e a súa persistencia a través da historia e na historiografía", di Domínguez Touriño. Co fin de ampliar ese proxecto inicial, investigaron e propuxeron talleres con compañeiras doutros ámbitos, o que resultou na incorporación de Isabel Rodicio Rodicio (IES Lamas de Abade), María José Domato Búa (IES de Teis) e Margarita Lobato García (IES de Porto do Son).

Xa co colectivo formado, optaron polo nome de María Castaña, "por ser parte dunha lenda galega, que non era tal e así estaba documentado, e por pertencer a unha transmisión oral a través das mulleres", indica Guillermina Domínguez. Con respecto á estrutura, decidiron facer unha división do traballo con base en catro etapas históricas (Idade Antiga, Idade Media, Moderna e Contemporánea) e asignarlle a cada unha da integrantes a área de coñecemento na que era especialista. Nas reunións que desenvolvían semanalmente, "facían posta en común, compartían avances, acordaban criterios de selección dos textos, das cuestións para o alumnado e das tarefas encomendadas", subliña a entrada do Álbum de Galicia.

Entre as actividades do colectivo destaca a elaboración de 'Materiais para unha visión non androcéntrica da historia' e 'Muller e traballo', dúas publicacións de 1995 destinadas ao ámbito académico e que recibiron nese mesmo ano e ex aequo un dos premios nacionais Educación e Sociedade do Ministerio de Educación e Ciencia. Posteriormente, en 1997, saíu o libro 'As mulleres na historia', elaborado con base nos materiais que recompilaran as integrantes do colectivo para a docencia de Historia.

A isto súmase a impartición de seminarios, talleres e conferencias tanto dentro como fóra de Galicia, así como a elaboración das separatas 'As mulleres creadoras' e 'Vida familiar no século XIX. Tratamento iconográfico' para a cabeceira 'Pontevedra. Revista de Estudos Provinciais'. En 1999, o colectivo participou no volume coordinado por María Xosé Rodríguez Galdo e editado polo Consello da Cultura Galega 'Textos para a historia das mulleres en Galicia'. o colectivo cesou a súa actividade no ano 2001.

Presentación do Álbum de Galicia no Consello da Cultura Galega
Presentación do Álbum de Galicia no Consello da Cultura Galega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta