O futuro do sector madeireiro: son viables as casas de madeira en Galicia?

A construción de obras públicas e tamén vivendas unifamiliares con madeira estase acelerando nos últimos anos. Ante a política contra a pegada de carbono, as obras con madeira axudará a rebaixala. Unha nova vaga de edificios públicos e privados mais con carácter social están abríndolle paso aos novos modelos de edificación. Con todo, resistiría unha vivenda de madeira o clima, en principio, húmido de Galicia?

Por Moncho Mariño | Santiago | 15/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O norte e o centro de Europa teñen unha longa tradición de construír vivendas de madeira, as máis unifamiliares. O uso de madeira para construír grandes estruturas xa se coñece desde hai séculos, mais os sistemas produtivos contemporáneos permitiron substituír elementos tradicionais (pedra, madeira, barro) por novos materiais que permitiron unha maior flexibilidade e redución de tempos para construír vivendas que superaron grandes alturas. Porén, a construción con materiais de procedencia industrial segue deixando unha pegada de carbono moi importante. Por iso, ante as novas políticas de reducción do CO2, a aposta pola madeira desde as institucións públicas para levantar vivendas está collendo forza e posiblemente nos vindeiros anos xa non sexa estraño.

Casa de madeira
Casa de madeira | Fonte: Facebook

COMO É CONSTRUÍR CON MADEIRA?
O xerente do Clúster da Madeira de Galicia, Ricardo González, define a persoa que busca ter unha casa feita en madeira como “alguén que gusta deste material, que coñece as súas propiedades como a case ausencia de condensación no interior”. Existen outras vantaxes como estarmos diante dun material en principio ecolóxico.

Alén diso, actualmente a industria dedicada á madeira para a construción está usando o CLT (taboleiros de madeira laminada) sobre estruturas de postes longos. “É o sistema americano, colocación de CLT sobre estruturas feitas en piñeiro galego ou piñeiro nórdico, no medio dos taboleiros vai un illante térmico” di Jorge Castaño da empresa TAK. “Pode haber un pequeno sobrecusto, aínda así, co tempo pode amortizarse con aforro en enerxía” di González. “O entramado lixeiro e o uso do CLT é o futuro en Europa porque resulta económico” apunta Castaño.

Porén, no caso galego, xorde a dúbida de como afrontaría a humidade unha vivenda feita nun material até o de agora só usado como vigas, postes, chan e mobles. “O importante é non construír en inverno, mais se se fai a estrutura debe estar protexida correctamente con lonas de plástico ou outro tipo de cubertas” di Castaño. No caso de que a choiva enchoupe a madeira a solución é “deixala secar de maneira natural porque nun día de aire ou sol a madeira pode quedar seca”. A cuestión é que o secado da madeira sexa permanente para que despois a construción non acabe prexudicada.

HAI MADEIRA ABONDO EN GALICIA?
Aínda que xa hai empresas dedicadas á montaxe de madeira contralaminada para a construción en altura, o certo é que “en Galicia non temos a capacidade necesaria de produción” di Ricardo González. É por iso que boa parte do material usado procede da importación “desde países cunha curva de experiencia máis elevada”.

A máis importada é o piñeiro nórdico por ter uns prezos moi asequibles e ser, xunto co piñeiro galego, o máis usado en contralaminado. “O piñeiro galego até hai pouco só se usaba para facer encofrados na construción, mais coa crise de 2008 e a burbulla inmobiliaria houbo moitas serras que pecharon” apunta Castaño. Agora, coa necesidade de máis madeira elaborada “volveron abrir algunhas serras que cortan piñeiro galego para construír” entrando nun novo nicho de mercado.

Por outra parte, o uso da madeira está recibindo aportacións económicas das institucións públicas así como investimentos privados, moitos dirixidos á compra de montes con piñeiro que pasados uns anos renderán se se supera o ritmo de construción en madeira. E o eucalipto? “Realmente o eucalipto, o glóbulus, é un material caro porque ten que seleccionarse moi ben e á parte moita desa madeira non serve e á parte, ten moito custo engadido” asegura Jorge Castaño. Aínda así, si que se emprega en laminados. En canto ás árbores frondosas (carballo ou castiñeiro) o uso está máis dirixido á restauración e rehabilitación de edificios.

Actualmente o sector da construción en madeira ainda está despegando en Galicia. Os edificios públicos construídos neste material buscan ter o efecto tractor para acelerar a aplicación no sector privado. Alén diso, un problema hoxe en día é a falta de man de obra especializada, algo que se espera solucionar co tempo e a formación profesional dirixida ao sector. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta