Subida da cota de sardiña con arte de 'xeito': 100 quilos por tripulante, aos que se suman 100 diarios por barco

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes o Plan de xestión da sardiña con arte de 'xeito' para 2024. En Galicia existen 412 embarcacións con permiso para utilizar esta arte.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2024 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes o Plan de xestión da sardiña con arte de 'xeito' para 2024 no que se fixa un tope máximo de capturas de 20 toneladas para o primeiro trimestre do ano. Entre os cambios respecto ao ano anterior, a cota que se asigna por tripulante a bordo e día sobe de 50 a 100 quilos, aos que se sumarán outros 100 quilos por barco ao día, tamén o dobre dos que recollía a resolución do ano pasado, segundo detallou a Consellería nunha nota de prensa.

O obxectivo da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica con este aumento da cota diaria é "conseguir que a frota do cerco que faena con esta arte de pesca tradicional e selectiva poida realizar un consumo exhaustivo da súa cota anual". Ademais, a resolución indica que en Galicia existen 412 embarcacións con permiso para utilizar esta arte e susceptibles de despachar a mesma "no momento en que se elimine a actual limitación imposta polo Plan de recuperación da sardiña ibérica".

MELLORA NAS ÚLTIMAS CAMPAÑAS

No plan publicado este luns, destacou a Xunta, tamén se sinala que nas últimas campañas constatouse unha melloría no recurso acentuada en 2022, o que permitiu a dispoñibilidade dun stock de 381.074 quilos, pasando no ano 2023 a 487.332 quilos, superior ao das campañas anteriores. En concreto, as capturas de sardiña da campaña 2023 do xeito en Galicia situáronse en 212.377 quilos para un total de 149 embarcacións despachadas, quedando por baixo dos 261.661 quilos pero por encima dos 112 barcos de 2022.

Así mesmo, a facturación superou os 610.000 euros, cunha media de 2,87 euros/kg. "A considerable distancia sobre as dispoñibilidades de capturas fai que agora se decida elevar a cota por tripulante e día, así como por pesqueiro, co fin de que a frota poida maximizar o consumo da cota anual", expón a Consellería.

LÍMITE PARA 2024

A resolución publicada polo DOG recolle só o tope ata marzo, pero a súa aplicación esténdese ao conxunto do ano e xa se coñece o límite global para 2024. Así, tal e como explica o departamento autonómico, o pasado 29 de febreiro o BOE recollía as asignacións iniciais para a frota autorizada á pesca da sardiña ibérica, outorgando ás artes menores que utilicen a arte de 'xeito' 406.663 quilos; para o cerco racú e piobardeira no Cantábrico e Noroeste 8.317.392 quilos; e para o cerco no Golfo de Cádiz 6.166.695 quilos.

Pola súa banda, o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES, polas súas siglas en inglés), decidira reducir a cota de sardiña de España e Portugal nun 21,5 %, baixando a 29.560 toneladas as que poderá pescar o país veciño e as citadas 14.890 toneladas que se reservaban ao conxunto da frota española.

Segundo notificou á Consellería, o plan para o 'xeito' pretende combinar unha adecuada xestión do recurso co desenvolvemento socioeconómico dos profesionais que se dedican a esta arte, un dos máis selectivos e co que se captura fundamentalmente sardiña. Para a súa elaboración recibíronse propostas da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e foi consultado o sector.

Izado de sardiñas
Izado de sardiñas | Fonte: Cedida - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta