Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2025 | Actualizada ás 12:18
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, reclama "a creación de mecanismos de compensación por danos económicos" durante o apagamento, "con especial atención ao sector industrial e comercial". En declaracións a Europa Press, o responsable da patronal galega mostra a súa "fonda preocupación" ante o apagamento eléctrico que "afectou de forma significativa a distintos puntos da comunidade galega", o que mostra "a vulnerabilidade das infraestruturas críticas nun momento clave para a recuperación económica e a estabilidade do tecido empresarial".
Lamentas as "disrupcións" provocadas en diferentes sectores galegos, como o industrial, loxístico e tecnolóxico. E é que "numerosas empresas reportaron paradas técnicas, perdas de produción, cancelacións de servizos e dificultades loxísticas, o que inevitablemente terá un custo económico directo e indirecto", polo que pide compensacións. Chama a atención sobre a afectación para as pemes, que supoñen o 95 % do tecido empresarial galego, posto que "o impacto pode comprometer seriamente a viabilidade das súas operacións a curto prazo". E é que o restablecemento da subministración, aínda que progresivo, "está a ser máis lento do esperado nalgunhas zonas, o que xera incerteza entre as empresas e retarda a recuperación da normalidade operativa".
REVISIÓN DE PROTOCOLOS
Vieites valora "os esforzos" realizados polas compañías eléctricas e as administracións para restaurar o servizo, pero ve "necesario revisar a fondo os protocolos de resposta e coordinación para minimizar a repetición destes episodios". "Instamos as administracións, a Red Eléctrica de España e ás compañías privadas a traballar conxuntamente cos representantes empresariais para mellorar os plans de continxencia, reforzar a seguridade enerxética e protexer o ecosistema económico galego", expón.
A CEG demanda que se realice unha investigación "rigorosa" sobre a orixe do apagamento, á vez que urxe o reforzo das infraestruturas eléctricas en Galicia e o Estado. Conclúe con que "Galicia non pode permitirse paróns que comprometan a súa competitividade nin a súa capacidade de xerar emprego", polo que este apagamento "debe ser un punto de inflexión para construír un sistema eléctrico máis robusto, eficiente e adaptado ás esixencias da economía moderna".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.