Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2025 | Actualizada ás 19:05
A Xunta adxudicou por 22,4 millóns de euros o contrato correspondente ás obras de construción e á futura xestión integral da primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles de Galicia, que se situará no complexo ambiental de Sogama en Cerceda. A futura instalación ocupará uns 8.000 metros cadrados e terá unha capacidade inicial para 3.000 toneladas anuais, aínda que poderá chegar a tratar 24.000 toneladas ao ano. Nunha primeira fase, informou a Xunta, xerará entre 16 e 30 empregos directos, que se cubrirán de forma preferente con persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
A posta en marcha desta planta dá resposta ás esixencias contempladas na lei de residuos e chans contaminados para unha economía circular, que obriga aos concellos a recoller os residuos téxtiles de forma diferenciada desde o 1 de xaneiro deste ano, e ás empresas do sector a incorporar aos seus produtos unha porcentaxe de fibra téxtil reciclada. Por outra banda, segundo lembrou a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a planta atenderá a unha necesidade social, xa que o 90 % dos residuos téxtiles acaban en vertedoiro, e contribúe aos obxectivos de descarbonización de Galicia. Ademais, a propia edificación cumprirá criterios de sustentabilidade, como o uso de materiais reciclados, solucións de aforro enerxético, melloras para aforrar auga, e outras medidas.
Tras a adxudicación, a empresa deberá encargarse de redactar os proxectos, informes e estudos necesarios para obter as licenzas e autorizacións, tendo en conta que a planta debe estar terminada no segundo trimestre de 2026. Unha vez recibidos os téxtiles, realízase unha preclasificación para separar as pezas que estean en bo estado e que poden ser reutilizadas. O resto pasarán por un proceso de clasificación con uso de intelixencia artificial para segregarlos por cores e composición, e logo separaranse elementos como cremalleiras ou botóns. Os tecidos resultantes prensaranse e enviaranse a centros recicladores para transformalos en fibras téxtil. Os que non se poidan reciclar, valorizaranse enerxeticamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.