Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2025 | Actualizada ás 14:52
A presidenta da Confederación de Empresariso de Ourense, Marisol Novoa, faleceu este xoves, segundo trasladou a propia entidade que expresa o seu profundo pesar, igual que a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
Dela, subliña que foi un "referente indiscutible do tecido empresarial galego e figura clave na defensa dos intereses das empresas ourensás".
En nome de toda a organización, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, transmitiu as súas condolencias á familia, amigos e compañeiros de Marisol Novoa, destacando "o seu inquebrantable compromiso co desenvolvemento económico de Ourense e de Galicia, a súa proximidade, e a capacidade de diálogo e consenso que sempre demostrou en beneficio do conxunto do empresariado".
Baixo o seu liderado na CEO, engade, Marisol Novoa impulsou proxectos decisivos para o fortalecemento do tecido empresarial ourensán, fomentando a cooperación entre empresas, a formación e a internacionalización. O seu labor, destaca a CEG, "contribuíu a estreitar lazos co resto de confederacións provinciais e coa propia CEG, defendendo sempre a unidade empresarial como ferramenta esencial para o progreso económico".
Desde á Confederación de Empresarios de Ourense, remarcan que Marisol Novoa foi "máis que unha representante empresarial". "Foi unha muller íntegra e traballadora, comprometida coa nosa misión e coa defensa dos intereses do sector empresarial".
"O seu incansable labor, a súa visión estratéxica e a súa calidade humana marcaron unha pegada indeleble na nosa organización pois, baixo a súa presidencia, soubo unir vontades, impulsar proxectos e afrontar con determinación os retos que se nos presentaron como colectivo", apostila para trasladar o seu afecto a familiares e amigos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.