Ana Miranda denuncia no Parlamento Europeo que a Xunta "deixa fondos europeos sen executar"

A eurodeputada do BNG expuso ademais que desde 2009, Galicia perdeu "case 100.000 habitantes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2024 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou no debate celebrado na Eurocámara sobre 'Política de cohesión 2014-2020: aplicación e resultados nos Estados membros' que a Xunta "deixa fondos europeos sen executar" e "sen dar resposta a necesidades fundamentais para Galicia como a creación de emprego, a retención de talento e a perda de poboación".

"Como eurodeputada galega teño que dicir que na última década hai investimentos de cohesión en Galicia que non sempre tiveron bos resultados, sobre todo porque o goberno galego non atendeu aos desafíos necesarios de crear emprego, de manter o talento, de infraestruturas no rural, de saneamento", manifestou Ana Miranda, á vez que lembrou o informe que sinala que "o impacto dos fondos non pode facerse só no nivel de fondos executados senón na natureza transformadora deses investimentos e no seu impacto na economía e no emprego".

Segundo trasladou o BNG nunha nota de prensa, a eurodeputada do Bloque indicou que en Galicia a administración autonómica "aínda ten fondos sen executar, está por baixo da media europea e compromete os programas sen dar participación ao Parlamento galego".

Doutra banda, a eurodeputada galega tamén interveu no pleno sobre a perda de poboación en Galicia e o seu envellecemento no marco doutro debate. Neste sentido, expuxo que desde 2009, Galicia perdeu "case 100.000 habitantes" e o envellecemento "aumenta".

Ante estes datos, Ana Miranda defendeu que as administracións públicas deben apostar por políticas que teñan en conta "o concepto de envellecemento activo" e situouno como un obxectivo "primordial social e político".

Ana Miranda na Eurocámara / Europa Press / Europa Press
Ana Miranda na Eurocámara / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta