As exportacións galegas crecen un 8,9% en xaneiro e as importacións caen un 2,5%

Segundo datos publicados este luns polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2024 | Actualizada ás 16:48

Comparte esta noticia

As exportacións galegas aumentaron un 8,9% o pasado xaneiro en comparación co mesmo mes de 2023, mentres que as importacións baixaron un 2,5%, segundo datos publicados este luns polo Instituto Galego de Estatística (IGE), recollidos por Europa Press.

En concreto, Galicia exportou produtos e servizos por valor de máis de 2.317 millóns de euros no primeiro mes deste ano, mentres que as importacións quedaron nos 1.787 millóns de euros. Así, o saldo positivo de comercio exterior na Comunidade foi de 529,5 millóns.

Desta maneira, as exportacións galegas rexistraron un comportamento contrario ao da media nacional, xa que no total de España os produtos enviados ao exterior baixaron un 2,5%, con 30.144 millóns. Pola súa banda, as importacións nacionais caeron un 2,9%, con case 33.873 millóns, un descenso catro décimas máis acusado que en Galicia.

Os produtos con maior influencia positiva nas importacións galegas en xaneiro foron os vehículos automóbiles; tractores, cun peso do 29,3% do total e cunha taxa de variación de +35,8%. Os produtos que máis influencia negativa tiveron foron os combustibles e aceites minerais, que caeron un 28,5%.

En canto ás importacións, os aparellos e material eléctrico foron os que máis empuxaron cara abaixo, tras caer un 31,4%. Pola súa banda, a achega das graxas e aceites animal e vexetal foi positiva, ao subir un 121,4%.

Por zonas xeográficas, o 71,5% do total das exportacións foi a parar á Unión Europea, subindo un 8,2%, representando a Eurozona un 63,3%, cunha subida do 9,1% máis. En canto ás importacións, só un 31,5% viña da UE (-7%) e un 28,8% da Zona Euro (-6%). De China procedían o 13,5% dos produtos comprados no exterior (-13,1%) e un 20% de todo o continente americano (-6,7%).

Colector para exportacións
Colector para exportacións | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta