Por Galicia Confidencial | Betanzos | 21/09/2015 | Actualizada ás 16:00
Axentes da Garda Civil adscritos ao Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Coruña imputaron, a pasada semana, a un veciño da localidade coruñesa de Paderne por desenvolver unha actividade propia dun parque zoolóxico e exhibir supostamente ao publico, animais salvaxes en catividade, un tigre, un león, unha hiena ou lobos son algúns dos exemplares cos que os visitantes podían interactuar durante as visitas.
O home xestiona unha colección zoolóxica no citado termo municipal, baixo o nome de Corax. Segundo a Guardia Civil, notificáronselle con anterioridade dúas ordenes de paralización da actividade por carecer da licenza oportuna, sendo sancionado coa prohibición de expoñer a colección zoolóxica ao público.
En datas recentes interpúxose ante os axentes do Seprona, unha denuncia por parte dunha visitante que fora mordida por un simio, durante o transcurso dun percorrido polo recinto.
O establecemento, á vista das inspeccións correspondentes, incorrería nunha desobediencia grave ao incumprir as reiteradas ordes e prohibicións das administracións competentes, as dilixencias por tales feitos, serán remitidas aos xulgados de Betanzos.
J. A.S. declarou en varias ocasións aos medios que a finca tiña todos os permisos da Xunta, aínda que a primeira vez que a Guardia Civil inspeccionou o recinto en 2010 non puido probar tal extremo. J. A. S. ten cedido os seus exemplares a varias produccións televisivas, como Matalobos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.