Besteiro será portavoz parlamentario do PSdeG

Estará acompañado pola exministra de Agricultura Elena Espinosa; a exalcaldesa de Lugo Lara Méndez; e a deputada Carmen Rodríguez Dacosta como viceportavoces.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2024 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O que foi aspirante do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, será o portavoz parlamentario do PSdeG na XII Lexislatura que arrinca na Cámara galega tras as eleccións do pasado 18 de febreiro. Na dirección do grupo, o secretario xeral electo dos socialistas estará acompañado pola exministra de Agricultura Elena Espinosa; a exalcaldesa de Lugo Lara Méndez; e a deputada Carmen Rodríguez Dacosta como viceportavoces.

Tal e como informaron a Europa Press fontes socialistas, a formación rexistrou na mañá deste martes a constitución do novo grupo e traballa na repartición de áreas que ostentarán cada un dos novos deputados.

Deste xeito, Besteiro será o encargado de interpelar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nas sesións de control dos plenos da Cámara e estará acompañado nos labores da dirección de tres mulleres con experiencia en distingos ámbitos. Así, a que foi cabeza de lista pola provincia de Pontevedra e exministra de Agricultura dos gobernos de José Luís Rodríguez Zapatero, Elena Espinosa, será unha das viceportavoces.

Ademais, ostentará esta responsabilidade a exrexedora de Lugo, Lara Méndez. Política moi próxima a Besteiro e actual vicesecretaria xeral en funcións do PSdeG, deixou a Alcaldía da cidade da Muralla para acompañalo na candidatura da formación pola provincia de Lugo.

A terceira das viceportavocías do PSdeG recaerá na deputada pola provincia de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta. Con experiencia en anteriores lexislaturas, esta parlamentaria, avogada de formación, é asesora xurídica de UXT e desempeñou distintas responsabilidades profesionais e no partido, como a secretaría xeral da Agrupación local de Ourense entre 2012 e 2018.

FORMOSO CELEBRA QUE O PSDEG ESTEA NA MESA

Os socialistas, ademais, terán un posto na Mesa da Cámara tras facilitar o BNG esta posibilidade. En concreto, a que fose cabeza de lista pola provincia da Coruña, Patricia Iglesiaas, será a vicesecretaria do órgano reitor do Lexislativo galego.

Nun acto na Coruña e preguntado pola decisión do BNG de facilitar a presenza dos socialistas na Mesa do Parlamento, o actual secretario xeral do PSdeG en funcións, Valentín González Formoso, celebrou que este órgano reflicta a "pluralidade" da Cámara.

"Creo que é un bo sinal para a sociedade galega", afirmou Formoso, que asegurou que é "nestes momentos" nos que se "mide a catadura democrática dos partidos políticos" e agradeceu ao BNG esta disposición. "No noso caso fixésemos o mesmo", sostivo.

APOIO A BESTEIRO

Ademais, noutro acto en Santiago de Compostela e interpelado sobre o feito de que Besteiro fose o único candidato postulado para o proceso interno extraordinario convocado polo PSdeG para renovar á súa dirección, Formoso considerou que se confirma que "hai un consenso maioritario" na formación sobre o feito de que "o futuro do partido" pasa por "unha persoa que ten unha valía enorme".

Tras iso, considerou que o político lucense debe ter o tempo suficiente para percorrer cada recuncho de Galicia "sabendo que a semente que vai plantar, cun partido detrás traballando e coas institucións que gobernamos traballando con el día a día, vai ser unha fórmula que coincida coa confianza maioritaria dos galegos e as galegas".

Os parlamentarios do PSdeG asisten á constitución da XII lexislatura do Parlamento de Galicia. ÁLVARO BALLESTEROS / EUROPA PRESS / Europa Press
Os parlamentarios do PSdeG asisten á constitución da XII lexislatura do Parlamento de Galicia. ÁLVARO BALLESTEROS / EUROPA PRESS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta