Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 25/03/2024 | Actualizada ás 14:31
O grupo municipal do PSOE rexistrou este luns unha proposición normativa que será levada ao Pleno do Concello de Pontevedra para lograr que a corporación acorde o inicio dos trámites de aprobación da primeira Ordenanza Municipal de Protección, Benestar Animal e Tenencia de Animais de Compañía.
Segundo explicaron nunha rolda de prensa, o documento normativo foi elaborado coas achegas e demandas das principais asociacións animalistas e protectoras do municipio e, entre as súas novidades, inclúe a creación dun censo municipal e dunha base de datos de ADN de cans e tamén as normas que regularán o funcionamento dos parques caninos e a implantación do método CES (captura, esterilización e solta) nas colonias felinas.
O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, explicou que a ordenanza que queren impulsar "vai encher un baleiro existente en materia de protección e convivencia", regulando aspectos como a tenencia responsable dos animais domésticos ou a loita contra os malos tratos e o abandono e o fomento das adopcións responsables. O texto normativo proposto contempla a creación dun Censo Municipal de Cans e, a través dun procedemento analítico, dunha Base de Datos Xenética (patrón de ADN), un rexistro ao que terían acceso a Policía Local e o Servizo de Benestar Animal.
Sería obrigatorio para a inscrición das mascotas no Censo Municipal e abriría a porta a que o Concello puidese identificar, localizar e sancionar a eses donos de cans que non recollen as deposicións das súas mascotas as vías públicas.
O concelleiro socialista Marcos Rey precisou que o procedemento analítico e de mostraxe para a confección da base de datos xenética ou patrón de ADN de todos os animais censados "tería un custo duns 35 euros por animal" e sería xestionado pola Concellaría responsable de Medio Natural.
Ademais, o texto da ordenanza prohibe levar soltos nas vías públicas aos cans e demais animais domésticos, regula o funcionamento e xestión dos parques caninos, e recolle as normas sobre abandono, perda, recollida, entrega e retención temporal dos animais, así como os diferentes tipos de infraccións e o réxime sancionador previsto para as mesmas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.