O que a Xunta oculta con Altri: a ampliación da Rede Natura e tres especies en extinción na Serra do Careón

Entidades ecoloxistas e políticos denuncian que a Xunta reduciu a zona de protección proposta para a Rede Natura na zona onde se proxecta a planta de Altri. Hai tres especies en perigo de extinción. O Ministerio de Transición Ecolóxica recomenda á Xunta ampliar a Rede Natura Serra do Careón pola presenza de especies protexidas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A serra do Careón é un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) e que abrangue á serra do Careón e ás concas dos río Furelos e Seco, que chegan ao río Ulla polo sur da serra. Esta área abarca unha área de 6.661,68 hectáreas entre as provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra e afecta a seis concellos. A maior parte do espazo está nos concellos de Toques, Melide e Santiso, na Terra de Melide. Ten unha parte na comarca da Ulloa e de Lugo, en Friol e Palas de Rei, é só unha liña de ribeira do Ulla na Agolada.

A viñeta de López - Altri ecolóxico segundo a Xunta
A viñeta de López - Altri ecolóxico segundo a Xunta

 

A pesar de ser declarado como Lugar de Interese Comunitario (LIC) o 29 de decembro de 2004 e ZEC o 31 de marzo de 2014, a Xunta proxecta ao seu carón unha mega celulosa que afectará 366 hectáreas. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) advertiu que o proxecto da compañía portuguesa "obvia" no trámite de exposición pública do estudo de impacto ambiental que as instalacións van ocupar un terreo proposto para ampliación da Rede Natura 2000.

 

En ningunha parte do estudo de impacto ambiental se menciona que a infraestrutura se vaia a levantar sobre a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 presentada pola Xunta en 2008 e en 201. De feito, dentro do Marco de Acción Prioritaria (MAP) para a Rede Natura 2000 en Galicia para o marco financeiro plurianual no período 2021-2027, o Ministerio para a Transición Ecológica y Reto Demográfico (MITECO) propuxo a ampliación da Rede Natura Serra do Careón pola presenza de especies protexidas para incluír as poboacións de Margaritifera margaritifera inventariadas durante o proxecto LIFE09 NAT/ES/000514 MARGAL ULLA. 

Proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo) e a súa localización xunto á ZEC Serra do Careón.. ADEGA
Proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo) e a súa localización xunto á ZEC Serra do Careón.. ADEGA

 

Unha situación que ten denunciado o ex deputado socialista Pablo Aranguena quen a través da súa conta X que di que a área de protección da Serra do Careón "foi reducida". "Xustamente a carón dela queren poñer a celulosa de Altri, en período de alegacións. CASUALIDADE?", preguntabase o político do PSdeG.

PERIGOS PARA ESPECIES ÚNICAS

ADEGA sinala que un dos impactos máis significativos da macro-celulosa de Altri deriva de ubicarse nun territorio de singular rareza xeolóxica e botánica: o complexo de rochas ultramáficas do Careón. Asociadas a estas rochas aparecen especies vexetais únicas: plantas endémicas cuxa área de distribución mundial limítase a uns poucos km2 nos que afloran estas rochas serpentiníticas.

En concreto, estes raros endemismos botánicos afectados polo proxecto son a santolina de Melide (Santolina melidensis), a herba de namorar de Merino (Armeria merinoi) e a magarza de Barazón (Leucanthemum gallaecicum). Estas tres especies están catalogadas como "En perigo de extinción", e a elas hai que engardir tamén a Centaurea gallaecica, considerada como "Vulnerábel" no Catálogo galego de especies ameazadas.

Na documentación do proxecto, ALTRI ocultou a presenza destas especies dentro das fincas ocupadas pola celulosa e noutros casos alterou a súa ubicación, segundo os ecoloxistas, malia a existiren citas recentes que certifican a presenza destes raros endemismos botánicos neses terreos

CAMBIO DE PROXECTOS POR AFECTACIÓN Á SERRA

 

Non é a primeira vez que a Xunta ten que modificar un proxecto polo impacto sobre a serra do Careón. Hai dous anos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu un informe sobre a proposta de modificación do trazado da autovía Lugo-Santiago (A-54) nun tramo de 3,5 quilómetros entre Melide e Palas de Rei. Apostaba por construír un ancho de mediana convencional, para "minimizar a súa ocupación e reducir a afección sobre a Zona de Especial Conservación (ZEC) Serra do Careón".

 

A alternativa informada por Patrimonio Natural contemplaba, por tanto, a supresión do viaduto de O Careón e a variación do trazado da autovía en alzado, para "maximizar" a súa "adaptación ao terreo". "Dúas medidas que reducen a ocupación desta infraestrutura sobre a zona natural protexida", indicaba entón. Ademais,  a Consellería de Medio Ambiente destacaba a "necesidade de extremar as precaucións sobre o medio, con medidas para a protección da flora e un programa de reforzo" para a "reintroducción de especies de flora".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ferroviario

Eso, non vos flipedes tanto e todos a tragar a celulosa. Poden ir a Marín, a Navia en Asturias, a Tolosa en Guipuzkoa a Miranda del Ebro en Burgos a respirar o cheire fabuloso das celulosas que hai neses sitios, xa verán que maravilla.

1 Un da Ulloa

Son tan únicas que non mira ninguén para elas. Non vos flipedes tanto..