Un Dépor moi pragmático

O equipo coruñés gaña 1-2 ao Betis con goles de Fede Cartabia e Fayçal Fajr e segue invicto a domicilio, onde suma 7 dos seus 8 puntos na Liga. O domingo recibe o Espanyol en Riazor.

Por gcdeportes | A Coruña | 25/09/2015 | Actualizada ás 00:55

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Real Betis 1:
Antonio Adán; Piccini, Bruno, Westerman, Vargas, Joaquín, Xavi Torres (Rennella, 74’), Petros, Van der Vaart (Dani Ceballos, 49’); Jorge Molina (Wolfswinkel, 60’) e Rubén Castro.
Deportivo 2: Lux; Laure, Arribas, Sidnei, Fernando Navarro; Mosquera, Juan Domínguez (Celso Borges, 59’); Fede Cartabia (Juanfran, 67’), Fayçal Fajr, Luisinho e Jonathan Rodríguez (Lucas Pérez, 63’).
Goles: 0-1: Fede Cartabia (minuto 54). 1-1: Petros (min. 58). 1-2: Fayçal Fajr (72’).
Árbitro: Gil Manzano (estremeño). Amarelas a Jonathan Rodríguez (45’), Fernando Navarro (76’), Lux (79’), Laure (82’) e Luisinho (93’) no Dépor e a Joaquín (27’), Piccini (42’) e Westermann (86’) no Betis.
Incidencias: partido da 5ª xornada da Liga BBVA no estadio Benito Villamarín ante 37.051 espectadores.

Lux erra no seu intento de despexe nun balón aéreo.
Lux erra no seu intento de despexe nun balón aéreo. | Fonte: lfp.es

Despois dun primeiro tempo soporífero, Fede Cartabia adiantou o Dépor cun golazo dende fóra da área. Axiña empatou o Betis, pero Fayçal Fajr fixo o 1-2 definitivo e o Dépor sumou tres novos puntos nun exercicio de pragmatismo trala decepción co Sporting en Riazor. Non foi un partido excelso dos deportivistas, pero dúas ocasións na segunda parte foron dabondo para acadar a vitoria. Suma xa 8 puntos o Dépor, en tan só cinco xornadas.

Víctor Sánchez del Amo repetiu a defensa dos últimos partidos, pero fixo unha pequena revolución no ataque, con ata catro trocos: Juan Domínguez, Fede Cartabia, Luisinho e Jonathan Rodríguez entraron no once titular. Ao pouco de principiar, o Dépor levou un susto nun erro de Lux ao despexar a pelota, que caeu nos pés de Rubén Castro, pero este disparou fóra grazas á rapidez de Arribas para molestar no remate.

A presión e a boa defensa do Dépor anularon o xogo do Betis, que pouco a pouco foi perdendo a forza do inicio. Houbo poucas chegadas de perigo ás áreas nos primeiros 45 minutos, e os dous equipos xogaban como con medo a perder. A segunda e última ocasión dos locais chegou no minuto 31: un remate de Rubén Castro desviado por Lux cando Jorge Molina ía rematar. A mellor do Dépor foi un disparo de Fede Cartabia ao pau dende lonxe pouco antes do lecer.

Tralo paso por vestiarios, o partido estivo máis aberto. O debutante Van der Vaart mancouse e Pepe Mel meteu no campo a Dani Ceballos. Parecía que melloraba o xogo local co troco, pero Fede Cartabia sorprendeu cun impresionante remate dende moi lonxe que entrou como un mísil na portaría de Adán.

Pero os de Víctor Sánchez del Amo non souberon defender a vantaxe, e un erro en defensa permitiu un ataque bético co que o brasileiro Petros fixo o empate tan só catro minutos despois. O gol deu novos folgos ao Betis, pero foi de novo o Dépor quen golpeou nunha perfecta contra que culminou Fayçal Fajr. O segundo tanto deportivista a vinte minutos do final descolocou os locais, que quedaron sen ideas para achegarse con perigo á meta de Lux. O Depor aproveitouse das présas do rival para sumar tres novos puntos, co que xa suma oito. O domingo, o Espanyol visita Riazor (16.00 horas) na sexta xornada.

Fede Cartabia celebra con Mosquera o seu gol.
Fede Cartabia celebra con Mosquera o seu gol. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta