Por Galicia Confidencial | Ourense | 01/04/2024 | Actualizada ás 20:30
A asociación ourensá Rebulir será o grupo seleccionado para representar a Galicia na 53 edición do macrofesiltival de música celta de Lorient, na Bretaña, segundo informou a organización deste edición de 2024. Deste xeito, a provincia de Ourense volverá a estar presente neste festival case 40 anos despois. O cartel de Galicia complétano Carlos Nuñez, Caldo ou Arume de Malvas xunto con outros artistas.
A delegación ourensá estará representada por 45 artistas onde se inclúen músicos, pandereteiras, pandereteiros, bailadores/as e unha representación do entroido. Así, este grupo poderá actuar cada noite ante 15.000 persoas no estadio de Montoire (Primeira división de fútbol en Francia) e participar no gran desfile das nacións celtas con preto de 100.000 espectadores e retransmitido na Televisión de Francia. Desde Rebulir indícase que o proxecto terá moita vinculación coas tradicións do interior galego, e máis concretamente coa Provincia de Ourense.
Con case 20 anos de traxectoria o grupo Rebulir asume este reto con responsabilidade e ilusión a partes iguais, sendo este un dos maiores proxectos nos que o colectivo se ten embarcado. Cabe sinalar, que o grupo con sede en Ramirás conta cunha escola de máis de 100 persoas e ten recibido os premios Xabier Prado Lameiro no 2018 e o Premio Rodolfo Prada no 2019.
O Festival Intercéltico de Lorient cumple 53 edicións consagrándose como o máis grande do mundo na súa categoría. Na edición 2023 reuniu a preto dun millón de persoas na Bretaña durante a semana que dura o evento. Asemade, o seu impacto económico é de 35,6 millóns de euros na rexión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.