A Deputación de Pontevedra inviste en normalización lingüística e deporte

O presidente, Luís López, compareceu este martes en rolda de prensa para dar conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Provincial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2024 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, compareceu este martes en rolda de prensa para dar conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Provincial, na que se mobilizaron 1,5 millóns de euros destinados a actuacións en materia deportiva, en normalización lingüística e para investimentos municipais.

Así, o goberno provincial adxudicou o patrocinio dos partidos da selección de balonmán en Porriño e en Lalín por 179.000 euros. Concretamente, trátase do partido clasificatorio do Campionato de Europa feminino entre España e Acerbaixán, que se disputará o 7 de abril no Porriño, e o partido clasificatorio do Campionato do Mundo masculino entre España e Serbia, que se xogará en Lalín en 8 de maio.

Ademais, dentro do Plan Extraordinario de infraestruturas deportivas, aprobáronse dúas axudas que teñen como beneficiarios aos concellos de Baiona e A Estrada. Serán 81.000 euros para reformar o campo de fútbol do Aral, en Baiona e 120.000 euros para mellorar as piscinas municipais da Estrada.

A Deputación de Pontevedra tamén destinará 200.000 euros aos servizos de normalización lingüística. Trátase de subvencións para crear, manter e reforzar estes servizos, cun máximo de 35.000 euros no caso da creación e de 25.000 para o seu mantemento e reforzo. Os beneficiarios serán os concellos de menos de 50.000 habitantes, entidades locais menores ou mancomunidades.

Finalmente, na Xunta de Goberno Provincial deste martes aprobáronse 950.000 euros en axudas do Plan +Provincia, con actuacións nos concellos de Baiona, Barro, Cambados, A Estrada e Mondariz. En total, serán máis de 650.000 euros enmarcados na liña 1 deste Plan destinada para investimentos, coas que A Estrada recibe 455.000 euros cos que, sumados ás axudas do Plan Extraordinario de infraestruturas deportivas, poderá financiar ao 100% a mellora das piscinas municipais.

O mesmo ocorre co outro beneficiario, o Concello de Baiona, que recibe 327.000 euros do Plan +Provincia, co que a Deputación financiará na súa totalidade a actuación no campo de futbol de Aral. Por último, Mondariz recibe 73.000 euros que suma ás axudas do plan PON 2030, co que alcanza un total de 400.000 euros para sufragar o 100% da reforma do campo de futbol da Lagoa. Ademais, dentro do Plan +Provincia a Deputación aproba 295.000 euros para contratar a 24 persoas desempregadas nos concellos de Barro e Cambados.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta