O Concello de Santiago constitúe a comisión especial para crear unha empresa municipal de vivenda

A medida busca crear un parque de pisos en réxime de aluguer no centro histórico e nos barrios construídos na segunda metade do século XX.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2024 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago constituíu a comisión especial para crear unha empresa municipal que contribúa a mellorar as condicións de acceso á vivenda e de recuperación de inmobles co obxectivo de crear un parque de pisos en réxime de aluguer. O goberno local aposta por esta fórmula como un instrumento necesario para unha política efectiva en materia de vivenda. Os ámbitos de actuación preferente serán o centro histórico e os barrios de iniciativa pública construídos na segunda metade do século XX.

En cumprimento do acordado polo pleno da Corporación en novembro de 2021, a Secretaría require aos diferentes grupos municipais a designación do seu respectivo concelleiro representante nesta comisión especial que se encargará da elaboración da memoria xustificativa e da proposta de estatutos da nova sociedade mercantil de capital integramente municipal. Esta Comisión, presidida pola Alcaldía, estará formada tamén por persoal técnico de Secretaría, Urbanismo, Asesoría Xurídica, Orzamentos e Intervención.

Paralelamente, a área de Urbanismo avanza para a próxima contratación do asesoramento técnico para a redacción da memoria necesaria --que sairá a exposición pública antes da súa aprobación definitiva en pleno-- no procedemento de constitución da nova sociedade.

Noutra orde de cousas, este mércores, 3 de abril, finaliza o prazo para solicitar axudas individuais para o uso do taxi como medio alternativo para persoas con mobilidade reducida ou persoas maiores residentes na zona rural. A contía oscila entre 150 e 350 euros nun único pago.

O concelleiro de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás. CONCELLO DE SANTIAGO
O concelleiro de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta